Cervo, 1 de abril de 2014.- O goberno municipal de Cervo analiza a creación dun parque para os cans e a posibilidade de habilitar unha praia á que poidan acceder estes animais, pero farao se hai consenso entre os veciños. Así o explicou a concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez.
“No pleno de onte aprobouse unha emenda de substitución do equipo de goberno a unha moción do Bloque Nacionalista Galego referente ás zonas de esparexemento para cans, como unha praia e tamén un parque para poder estar con eles tranquilamente. Na proposta do goberno municipal que foi aprobada indícase que no fondo estamos de acordo coa súa proposta pero non nas formas, porque non vamos de repente presentar unha praia ou un espazo verde para este fin sen consensualo previamente cos veciños. Queremos facer as cousas ben, pensando que moitas desas praias ás que eles se referían pode que algún veciño que as usa non estea de acordo con que poidan levarse cans a elas. Polo tanto o Concello, como leva facendo dende hai tempo, prefire levar este asunto con calma”, manifestou Manuela Méndez.
A edil de Medio Ambiente engadiu que “de todas formas o Concello aposta, como non podía ser doutra maneira, porque os animais poidan estar tranquilamente nalgúns espazos sen molestar ás persoas; iso si, no Concello de Cervo sempre apostamos primeiro polas persoas e despois, efectivamente, polos animais. De feito, como xa se sabe, estamos xa facendo o proxecto para a construción dunhas instalacións para a Protectora de Animais, da man dunha asociación de voluntarios que se ofrecen a traballar nela. Pero, respecto á moción do BNG, o que queremos é que concreten ás zonas que lles parecen máis adecuadas para levar aos animais. De todas formas nós xa dixemos que con tranquilidade e diálogo farémolo, pero sempre contando coa opinión dos veciños para que non molestar a ninguén”.