Alfoz, 19 de abril de 2016.- O vindeiro fin de semana celebrarase a II Ruta de Tapas de Alfoz, organizadas pola Concellería de Desenvolvemento Local do Concello de Alfoz en colaboración coa hostalería local e a ACIA de Alfoz. A ruta desenvolverase desde a noite do venres 22 de abril ata o domingo 24 a mediodía, sendo a xornada do sábado de mediodía e noite. Nesta edición participarán un total de sete establecementos compostos por Restaurante A Naranja, Bodegón Ponte de Pau, Restaurante O Frenazo, Bar Rodolfo, Casa Pereiras, O Bar de Elvira e Bar San Pedro.
Os participantes nesta ruta entrarán no sorteo de 200€ en vales de compra no comercio local de Alfoz. Para optar ao sorteo, os participantes deberán selar a tarxeta de participación en todos os establecementos participantes en alomenos dúas das tres xornadas da ruta. As tarxetas estarán a disposición dos participantes en todos os establecementos pertencentes á ruta.
As tapas que se poderán degustar nesta ruta serán gratuítas e, como novidade, este ano haberá premio ao mellor bar segundo a opinión dos participantes.
Esta segunda edición da ruta das tapas coincidirá na fin de semana da celebración das probas artísticas das III Olimpiadas Interparroquiais de Alfoz, un aliciente mais para visitar as terras de Alfoz esta fin de semana. Os premios entregaranse na derradeira xornada das Olimpiadas Interparroquiais que se celebrará o vindeiro 30 de abril.