9 de maio de 2016.- A exposición conxunta “Os soños de Manuel María” da Microrrede de bibliotecas escolares da Mariña estará no teatro Pastor Díaz de Viveiro do 10 ao 13 de maio de 18h a 20h.
Durante cinco anos as bibliotecas de varios centros educativos da zona da Mariña veñen a desenvolver un proxecto conxunto para o fomento da lectura nas familias. Dito proxecto trata de involucrar ao maior número de sectores que influen na promoción dos libros, o gusto pola lectura, o intercambio de experiencias e sobre todo, impulsar a colaboración das familias na promoción da cultura e a formación lectora dos seus fillos. O proxecto deste ano titúlase Os soños de Manuel María e ten como obxectivo coñecer e valorar a figura e a obra deste gran escritor e intelectural lucense; así como fomentar e dinamizar a cultura entendida como un ben común que propicia unha sociedade máis humana, igualitaria, crítica e libre.
O proxecto conta con varias fases:
– Durante a semana das Letras Galegas, hai unha gran exposición dos traballos de todos os centros educativos participantes no Teatro Pastor Díaz de Viveiro.
– Durante esa semana, a exposición está aberta ao público en xeral e cada tarde hai actuacións do alumnado e incluso profesorado dos centros educativos que participan na actividade.
No proxecto “Os soños de Manuel María” participan os seguintes centros educativos da zona da Mariña: EEI San Roque (Viveiro), CEIP Lois Tobío (Viveiro), CEIP Antonio Pedrosa Latas (Celeiro-Viveiro), CEIP Plurilingüe de Covas (Covas-Viveiro), CEIP Plurilingüe Santa Rita (Galdo-Viveiro), CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove), CEIP de Cervo (Cervo), CEIP O Vicedo (O Vicedo), IES María Sarmiento (Viveiro), IES Vilar Ponte (Viveiro), IES Perdouro (Burela) e IES Illa de Sarón (Xove).