Cervo, 25 de maio de 2016.- A tempada 2015-16 das escolas deportivas municipais será clausurada este venres, día 27, con diversas actividades que se celebrarán no pavillón do colexio de Cervo.
Este evento foi anunciado polo concelleiro de Deportes cervense, José Ramón Soto, quen explicou que “no pavillón do colexio de Cervo realizarase a clausura da tempada 2015-16 das Escolas Deportivas Municipais do noso concello. Os actos darán comezo ás seis e cuarto da tarde con inchables e xogos para os máis pequenos ata as 20:00 horas, momento no cal dará comezo unha exhibición de patinaxe artística, rematando as 21:00 horas coa entrega de diplomas e medallas. En calidade de concelleiro de Deportes, xunto con todos os meus compañeiros do equipo de goberno, é para nós un orgullo poder clausurar un ano máis o conxunto de actividades que se fan a través das escolas deportivas que organiza o noso Concello. Estas actividades, nas que participan máis de 200 persoas, entre nenos e adultos, véñense desenvolvendo no noso concello dende o ano 2007 de xeito ininterrompido, unha mostra máis do noso compromiso co deporte base para os nosos nenos”.
Soto engadiu que “para todos os que formamos este equipo de goberno é un orgullo que o deporte no noso concello, a través das escolas deportivas, experimentara un considerable aumento nos últimos anos, mostra do bo traballo de todas aquelas persoas que fan que isto sexa posible. E en nome de todos os que formamos o equipo de goberno do Concello de Cervo quero dar os nosos parabéns para toda esa xente que fai posible que estas actividades se leven a cabo con éxito, mostra diso e o elevado número de participantes que existen na actualidade”.