Burela, 17 de maio de 2016. O 17 de maio celébrase o Día Mundial da Reciclaxe co obxectivo de concienciar á poboación acerca da utilidade desta ferramenta sinxela e ao alcance de todos para a mellora do medio ambiente.
A Delegación Municipal de Medio Ambiente repartirá dípticos informativos baixo o lema Burela Recicla “nos que se fai fincapé no uso correcto de cada colector (amarelo, azul e verde iglú); matizando que existen ademais destes colectores convencionais outros como: colector de aceite doméstico, colector de pilas e os puntos Sigre. Ademais nestes dípticos aparece información sobre o punto limpo de Burela, co horario de apertura e o teléfono de contacto para solicitar a recollida porta a porta os mércores”, segundo explica Noelia Mª Ben.
A concelleira de Medio Ambiente subliñou que “obxectivo é sensibilizar e concienciar a toda a poboación sobre a importancia da reciclaxe de envases e do resto do lixo (pilas, aceites, medicamentos, residuos domésticos voluminosos ou perigosos, etc) para o coidado do medio ambiente e para fomentar a reciclaxe no noso concello”.
Noelia Mª Ben engadiu que “o que pretendemos cos dípticos é despexar todas aquelas dúbidas que poidan xurdir cando separamos o lixo nos fogares e facerlles máis sinxela esta labor a todos os cidadáns”.