Ribadeo, 23 de maio de 2016. O Concello inicia este martes unha campaña de lavado dos colectores verdes tanto no casco urbano como nas parroquias. O presuposto destas tarefas, que se realizarán ao longo dos vindeiros meses, ascende a 10.000 euros.
O concelleiro de Limpeza Viaria, Jorge Díaz Freije, explicou que “son 500 lavados os que faremos desde mañá e ata finais deste mes tanto no casco urbano, nos seus arredores como nas distintas parroquias ata onde cheguen eses 500 lavados. Despois en xullo e agosto faranse outros 400 lavados, iso sería integramente no casco urbano e nas zonas que estiveran máis necesitadas, nas que se produzan máis cheiros ou que estiveran un pouquiño máis afectadas, é dicir sobre todo onde máis se usan”.
O edil nacionalista contou que “despois en outono faríase un último lavado doutros 500 contedores. Iso sería o programa deste ano cunha inversión aproximadamente duns 10.000 euros, que sairán das arcas do Concello, é dicir dos veciños e das veciñas de Ribadeo integramente, máis que nada para ter estabilizado ese lavado que tanta demanda xera e que é verdade que hai zonas que están necesitadas. Non vou dicir algo que non é certo, hai casos necesitados”.
Díaz Freije subliñou que “os veciños están a facer unha labor moi boa. Considero que imos por bo camiño, eu sigo chamando á cooperación veciñal para o reciclado, para que todo iso se sosteña. Para que vaiamos mellorando día a día é necesaria esa colaboración de todos. Loxicamente está tamén a parte que lle toca ao Concello, que é que cos recursos que ten xestionalos o mellor posible e creo que día a día o noso é mellorar. Imos nese camiño pouco a pouco coas nosas armas e co que podemos traballar día a día a reo”.
O concelleiro de Limpeza Viaria agradeceu a colaboración da cidadanía “que é moi importante para todo, pero para o tema da limpeza creo que imos por bo camiño”.
Limpergal é a empresa luguesa que se encargará do lavado dos colectores verdes en Ribadeo. Jorge Díaz Freije pide desculpas polas molestias que se poidan ocasionar con estas tarefas, que se levarán adiante a partir das cinco da mañá.