Lugo, 26 de maio de 2016.- O Grupo Provincial do PP anuncia que presentará este venres a súa proposta de Orzamentos para someter á votación do Pleno. En concreto, os populares incorporan ás contas aprobadas en marzo as reclamacións ás que se lles deu o visto bo na última sesión plenaria, “o que as mellora de xeito substancial”.
A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, explica que, “logo de ver novamente os atrancos e as dificultades que o presidente segue poñendo para non ter Orzamentos na provincia o noso Grupo co único propósito de desbloquear a institución presentará mañá por rexistro o documento completo para sometelo á súa votación”.
“Hai que dicir, engade Candia, que ese documento contará con informes xurídicos que avalen a súa legalidade e que van na mesma dirección que o informe xurídico que se incorporou no pasado Pleno, no que claramente dicía que as reclamacións que presentaba o PP non estaban incursas en ningunha circunstancia que contraviñera o ordenamento xurídico”.
A voceira indica que o único propósito do PP é que a provincia teña uns bos Orzamentos. “Non temos outros propósito nin outro obxectivo que non sexa establecer mecanismos de control para asegurarnos de que os Orzamentos se executan e se cumpren e non sexan titulares de prensa como os que estamos acostumados a vivir e despois quedan tan só en papel mollado”, engade.
Darío Campos, un títere do PSOE
Os populares consideran que o presidente “realmente debera asumir a súa responsabilidade, debera cortar eses fíos que o manexan desde a distancia e tomar as decisións”. Elena Candia pídelle que “abandone esa actitude do can do hortelano que nin come nin deixa comer, porque a medida que pasa o tempo cada vez conta con menos argumentos e afloran máis as súas contradicións”.
“Se a semana pasada dicía que non podía aprobar as nosas reclamacións porque había un informe que as consideraba contrarias a dereito, esqueceu que algunha delas a votou a favor con nós cando o informe era o mesmo para todas. Cando se lle acaba a desculpa de que contraviña a legalidade agora parece ser que non é a legalidade no fondo senón na forma, entón paraliza a convocatoria por unha cuestión de forma, precisa a voceira quen engade que “non pasa nada, posto que o PP seguirá traballando e sorteando todas as adversidades que este desgoberno lle pon á oposición co único obxectivo de que a provincia teña Orzamentos e os recursos suficientes para que os concellos podan atender as necesidades dos veciños e veciñas”.
“Se algunha vez o presidente decide traballar con esa actitude recórdolle, unha vez máis, que nos terá ao seu lado”, conclúe Candia.