Burela, 13 de maio de 2016. O Pavillón Vista Alegre acollerá este sábado o Campionato Provincial de Ximnasia Rítmica nos niveis de promoción e escolar.
A competición no nivel de promoción dará comezo ás 12.00 horas e prolongarase ata as 13:30 horas. Á tarde terá lugar o Campionato Provincial a nivel escolar, organizado pola Xunta, e principiará ás 16.00 horas para rematar arredor das 18.30 horas.
Participarán neste campionato un total de 396 ximnastas e as tres primeiras clasificadas de cada categoría e nivel acudirán ao Campionato Galego, que terá lugar en Ourense o 18 de xuño.
Este Campionato Provincial está organizado pola Escola de Ximnasia Porta Norte xunto á Concellería de Deportes de Burela.
A directora da Escola, Nelly Bouso, asegurou que “dentro dos dous niveis podemos salientar que desde hai uns anos para aquí a provincia de Lugo está conseguindo cada vez mellores resultados, incluso a nivel galego as ximnastas que se clasifican están conseguindo moi bos resultados, co cal podemos dicir que pouquiño a pouco vaise notando que vai medrando o nivel das nosas ximnastas nesta provincia”.
O edil de Deportes dixo que “é un honor que se elixira Burela para a celebración deste campionato, veñen case 400 rapazas coas súas familias e iso é un éxito importante tanto para o comercio, como para hostalaría e para a imaxe do noso pobo na provincia”.