A USC mantén aberto o prazo de preinscrición de matrícula ata o 1 de xullo incluído. É durante este período, exclusivamente, cando as persoas que decidan cursar os seus estudos por primeira vez en 10 titulacións do Campus de Lugo poden beneficiarse de descontos do 50% no custo da matrícula. Todo isto grazas ás máis de 400 becas de estudos que financia a Deputación de Lugo con 120.000 euros. Máis información en www.paraestudarlugo.com.
As 10 titulacións no Campus de Lugo con bolsas da Deputación son as seguintes:
• Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais
• Grao en Enxeñaría Civil
• Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía
• Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria
• Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural
• Grao en Lingua e Literatura Españolas
• Grao en Ciencias da Cultura e Difusión cultural
• Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos
• Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas
• Grao en Administración e Dirección de Empresas
Proceso e prazos
A presinscrición pode realizarse en www.usc.es/matricula dende xa e ata o 1 de xullo inclusive. Unha vez feita, queda solicitada a praza no Campus de Lugo e a correspondente beca da Deputación luguesa que custea a metade da matrícula.
O 12 de xullo publicaranse as listaxes de admitidos, coñecendo, polo tanto, as persoas que conseguen a súa praza para estudar na USC de Lugo e a correspondente bolsa do organismo provincial.
O proceso culminará coa formalización da matrícula, que será dende o 13 ao 15 de xullo, e onde se aplicará, directamente, o desconto do 50% no prezo da matrícula grazas ás axudas da Deputación de Lugo.