A Fundación Alcoa aposta por mellorar as comunidades onde está presente. Dentro dos diversos proxectos e programas que desenvolve destacan os programas de voluntariado corporativo. No marco destes programas os voluntarios da compañía prestan o seu apoio a numerosas iniciativas de diversas entidades.
A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña xunto á Fundación Alcoa e os seus voluntarios organizará mañá, día 15 de xuño, unha exposición de cadros ao óleo realizados polos usuarios dos distintos dispositivos da entidade. A exposición poderase ver desde o 15 ao 30 de xuño no “Caseto de Copa” en Cervo e os cadros poderán ser adquiridos por un módico prezo. O diñeiro recaudado será destinado para dar continuidade ao proxecto coa adquisición de novos materiais.
A partir das 17.00h os voluntarios prestarán o seu apoio para trasladar os cadros e colocalos no local e posteriormente procederase á inauguración da exposición (17.30 horas).
Co desenvolvemento de proxectos como este foméntase a integración das persoas con enfermidade mental, contribúese a romper con moitos dos estigmas que levan asociados e móstranse as súas capacidades.
Desde a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña queremos agradecer a inestimable colaboración da Fundación Alcoa, dos seus voluntarios e do “Caseto de Copa”, ao tempo que felicitar tódolos usuarios polo seu gran traballo.