Burela, 16 de xuño de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, asegura que Augas de Galicia está a piques de rematar o proxecto para a construción da nova Edar nas instalacións portuarias. Llano desprazouse a Lugo, onde mantivo un encontro con responsables de Portos.
O rexedor contou que “mantiven un encontro con Portos en Lugo sobre a nova Edar, que pretendemos instalar na zona portuaria, e dar finiquito definitivo á actual Edar porque xa non se adapta ás necesidades de Burela. Ademais hai que ter en conta que esa nova Edar será algo que beneficiará no seu conxunto a todo o mundo, a Portos porque mellorará as instalacións, mellorará o tratamento das augas residuais e non vai dar lugar a cheiros e a procesos químicos complicados, que encarece moitísimo as tarefas de limpeza das augas residuais”.
Llano dixo que “a instalación desta nova Edar será algo definitivo e para moito tempo aquí para o noso pobo e as súas necesidades, aínda que medre a súa poboación”.
O alcalde de Burela explicou que “o proxecto xa está a piques de estar rematado por parte dos técnicos de Augas de Galicia, que nos dixeron que había que falar con Portos para adecuar ese proxecto aos seus requerimentos técnicos. E iso foi o que fun facer a Lugo con persoal responsable de Portos de Galicia en Lugo”.
Alfredo Llano engadiu: “pensamos que non haberá problema, pero loxicamente debemos contar cos permisos necesarios. Nós estamos a informar constantemente e tanto Portos como Costas recibirán o proxecto en canto estea rematado. Entre todos, Augas de Galicia, Portos, Costas e Concello a ver si finalizamos a obra o antes posible, aínda que non será tan inmediato tampouco, porque loxicamente unha obra destas características leva o seu tempo. A partir de agora, cando estea rematado o proxecto daremos os pasos suficientes e necesarios como para poder xa comezar as obras nas instalacións portuarias”.