Burela, 02 de Xuño de 2016. Os nacionalistas burelaos queren deixar claro que a iniciativa que levan os populares no parlamento galego con respecto ó acceso ó porto de Burela lles parece moi oportunista, despois de que as veciñas e veciños tivesen que esperar vinte anos, aínda que, por suposto, van apoiar a PNL presentada, conscientes do que supón para o sector pesqueiro na vila. O parlamentario Cosme Pombo visitou este Xoves á maña as obras despois de informar ó consello local do BNG desta iniciativa.
“Agora que prevén que a obra se pode rematar neste 2016 instan á Xunta a que entre en funcionamento neste ano, mentres algunhas organizacións políticas levamos anos reclamando a súa construción, posto que a súa falta foi un retraso para o tecido empresarial e comercial da vila, que xira en torno ó porto” quixo destacar o voceiro do BNG Mario Pillado.
Por outra banda, na agrupación frontista cren que a apertura deste acceso é condición necesaria pero non suficiente para o desenvolvemento dun tecido empresarial e comercial modernizado e capaz de xerar emprego, “á parte desta medida son indispensables a mellora das estradas N-642 e N-634, a solución dos problemas na A-8 e a construción do tramo Barreiros-San Cibrao, esa debe ser unha das bases dun plan de emprego para Burela” salientou Pillado.
Dende o BNG de Burela recordan que levan durante anos demandando todas estas medidas en todas as institución nas que teñen representación, mentres que outros “deberon subir á Noria instalada na praza do concello e foi nese intre cando viron a oportunidade co estado avanzado das obras; mentres algúns fan política dende as alturas outros facémola a pé de rúa” aseverou o voceiro do BNG.
Lamentan que a Banda de Música de Burela se deixase morrer
Anacos de papel amarelos son os que anunciaron a nova da desaparición da Banda de Música de Burela, nos que se sitúa a responsabilidade sobre o actual alcalde e o anterior, mais os respectivos concelleiros de cultura.
Para o BNG alguén debe explicar por qué se produciu este triste feito e que xestión se teñen levado a cabo para evitalo por parte do equipo de goberno. “Cando gobernaba o PP o PSOE ten presentado unha moción en defensa da banda e agora vemos como se desentenden do tema dende o goberno” destacou Pillado, voceiro do BNG.
Dende o BNG agradecen e poñen en valor o esforzo co que todos os que formaban este colectivo chegaron ata este punto. “A dignidade é a palabra que mellor os define, como demostrou o actual presidente da Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela (AABB) nestes últimos días” dixo Pillado.
Non se entende que se deixe morrer a Banda existindo unha Escola Municipal de Música, desaproveitándose deste xeito recursos que pagamos todos os veciñas e veciños. Tamén cabe mencionar que o actual goberno municipal amortizou a praza de director da banda ao non sacar a oferta pública de emprego para cubrir a vacante que quedou ao marchar o anterior director.