Viveiro, 14 de xuño de 2016.- Ante o elevado número de queixas que se están a recibir polas molestias ocasionadas con motivo das obras que dende o día de onte se están levando a cabo en distintos puntos da Travesía da Marina, este concello vese na obriga de aclarar que estas obras están sendo executadas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Esta administración púxose en contacto co Concelleiro de Obras e Medio Ambiente hai uns días para explicar que se ían a executar diversos arranxos nesta estrada e para coordinar con el as obras da zona de Xunqueira e da Variante, non tendo por parte deste concello coñecemento da data nin horario no que se pretendía executar os arranxos do tramo comprendido entre o Bossa Nova e o inicio da carretera de Celeiro, que comezaron este luns, en hora punta, causando numerosos atascos.
O Concello de Viveiro quere deixar claro que non está en contra da súa execución, todo o contrario, son obras necesarias e beneficiosas para Viveiro, pero lamenta que se estiveran a executar en horas cunha máxima afluencia de tráfico, coincidindo co inicio e finalización da xornada laboral e causando grandes atascos.
Ante esta situación, a Alcaldesa púxose en contacto con Gerardo Pallares, xefe do servizo provincial da Axencia Galega de Infraesturas e dende a administración autonómica recoñeceuse que o horario escollido para a execución das obras, das que se está encargando unha empresa, non é o máis apropiado e que esta consideración será tida en conta cando as obras se reanuden, previsiblemente a partir da próxima semana.