11 de xullo de 2016. Este xoves, día 14, celebrarase en Foz o festival Coa Nosa Fala, no que actuarán os grupos Carapaus e Habelas Hainas. Comezará ás 22.00 horas e terá lugar no Campo da Cabana con entrada gratuíta.
Carapaus é un grupo musical tradicional formado en Santiago de Compostela no verán do 2010. Está integrado polo gaiteiro Emilio Lois; Oli Xiráldez, á frauta; Gustavo Couto, na voz e tamboril; Sabela Galbán, na voz e acordeón; e Adrián Lareo, no bombo e voz. Baixo a proclama Somos ghaiteiros, somos revolusionarios, Carapaus teima en amosar a música tradicional galega así como fornecer con pezas de composición de fondo trazo tradicional o acervo cultural galego.
Habelas Hainas ten como punto de partida a música tradicional e de raíz, sentíndose parte dunha tradición longa e viva da que xorde a natural necesidade de expresárense, sempre dende unha ollada feminista e plural. Isto lévaas a explorar outras músicas, crear os seus propios temas e experimentar coa tradición. Esta permanente inquedanza reflíctese na indagación e aproveitamento dos diferentes recursos dos instrumentos tradicionais, creando un son enérxico, fresco e orixinal.