O pleno da Corporación Municipal do mes de xuño do Concello de Foz celebrábase o 30 de xuño e entre os puntos a tratar estaban varios para aprobar o uso do remanente de tesoureira do exercicio pasado. Estes eran os seguintes:
– Punto 2: Suplemento de crédito para facturas de exercicios pechados.
– Punto 3: Recoñecemento extraxudicial de crédito condicionado á aprobación do suplemento de crédito.
– Punto 4: Suplemento de crédito para intereses de demora.
– Punto 5: Suplemento de crédito para inversións.
O punto 2 trátase de aprobar unha partida do remanente por importe de 415.098,50 euros para pago de facturas de exercicios anteriores que están impagadas.
No punto 3 ven a aprobación ou non de todas as facturas mencionadas anteriormente e para o cal se destinaría o crédito anterior.
No cuarto punto está a aprobación ou non de uso do remanente 49.542,36 euros para pagar intereses de demora das sentencias xudiciais que están saíndo en contra do concello sobre a devolución das licencias de obras.
E no punto 5 ven o uso do remanente restante ou sexa 653.417 euros en diversas inversións como o arranxo do Pavillón municipal de Marzán (600.000 €), a realización dun inventario de camiños (16.698 €), proxecto de implantación da Lei de Protección de Datos (4.719 €), Relación de postos de traballo (12.000 €) e arranxo da pista deportiva de San Salvador (20.000 €).
Foz, Plataforma de Futuro levaba para aprobar, decidido na asemblea de seguidores, os puntos 2, 4 e 5.
No apartado de aprobación de facturas, había informe de intervención que poñía reparos a varias de elas por incumprimento da normativa vixente en materia de contratación de obras ou de servizos, onde di textualmente: “Os contratos menores poderán adxudicarse directamente a calquera empresario con capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación, cumprindo coas normas establecidas no artigo 111. Considéranse contratos menores os contratos de importe inferior a 50.000 €, cando se trate de contratos de obras, ou a 18.000 €, cando se trate doutros contratos”.
No segundo caso hai reparo en facturación de varias empresas, en concreto unha por importe de 27.705,58 € e outra de 21.230,50 €.
Nos reparos de contratos de obras di textualmente: “Carecen de orzamento e de proxecto ou ben de informe de non necesidade do mesmo, ou conformidade polo técnico municipal de que as obras están executadas conforme ao proxecto existente, no seu caso”. O importe deste apartado é de 214.329,50 €.
O total das facturas con reparo ascende a 272.021.62 €, de contratacións ilegais a todas luces e
dadas “a dedo”. Moitas destas facturas coinciden con obras realizadas en época electoral no
2015. ¡CURIOSO!
Se nos informa que todos os puntos mencionados anteriormente deben ser votados nun conxunto, ou sexa, que si non se aproba o punto 3, non se poden votar e aprobar os puntos 4 e 5. Ante esta situación, Foz Plataforma de Futuro decide presentar unha emenda pedindo “que no punto 3 se voten por separado as facturas con reparo e as que non teñen reparo” para que aqueles empresarios que teñen facturas dentro da normativa legal poidan cobrar e seguir aprobando os demais puntos. Dita emenda non foi aprobada polo voto en contra do PP e a abstención do BNG. ¡CURIOSO!. ¿Non haberá intereses de favoritismo detrás desta decisión?
Ante esta situación e vendo que temos que votar todo en bloque, e estando en contra exclusivamente do pago de facturas con reparo, temos que votar en contra. Os puntos foron aprobados coa compracencia de costume. PP de Foz e BNG de Foz aprobando xuntos facturas que non compren a legalidade vixente.
Dicir que Foz Plataforma de Futuro está en contra das inversións plantexadas, non se lle ocorre nin o que “asou a manteca”, xa que algunhas son propostas aportadas por nos ou que no seu momento apoiamos. ¡SERÍA ILÓXICO!
No seguinte punto da orde do día estaba a fixación dos festivos locais para o ano 2017. Neste apartado e segundo se quedou na comisión preparatoria de pleno deberíamos traer unha proposta de consenso e esta ou era a proposta da alcaldía do 17 de xullo (día seguinte a festa do Carme) e 10 de agosto (día de San Lourenzo) ou calquera outra que aportásemos. A decisión da nosa asemblea foi propoñer o 25 de febreiro (sábado do carnaval) e o 10 de agosto, pero con condicionante que si a maioría decidía mellor o 17 de xullo que nós tamén estaríamos de acordo. O primeiro é que a alcaldía non fai proposta de consenso, entón decidimos propoñer a nosa do sábado de carnaval, pensando que a maioría dos traballadores que non poden desfrutar dese día tan importante no entroido de Foz, así o fixesen. O BNG propón que sexa o día de San Lourenzo e o martes de carnaval, alegando que non apoiaba a do sábado de carnaval para poder manter o comercio aberto nese día. ¡CURIOSO! ¿Favoritismo outra vez?. Foz,
Plataforma de Futuro como partido de esquerdas, antepón os intereses dos traballadores por riba de outros intereses escuros. Esta proposta do BNG foi aprobada co voto a favor do PP.
Foz, Plataforma de Futuro leva a este pleno dúas mocións para o seu debate, sendo aprobadas polos membros da corporación o que demostra que seguimos traendo propostas que interesan os veciños e veciñas do noso concello.
A primeira moción é a de “instar o equipo de goberno do concello de Foz a que proceda a limpeza e apertura do Camiño Real que da entrada o barrio de Ferradás en Cordido”. Nos últimos meses, os membros de “Foz, Plataforma de Futuro”, tivemos xuntanzas coas asociacións veciñais para recoller as súas necesidades e inquedanzas. Unha destas reunións foi cos veciños e veciñas de Cordido dos cales recibimos numerosas queixas motivadas polo estado no que se atopa un dos camiños emblemáticos desta parroquia como é o “Camiño Real”, que da aceso ó barrio de Ferradás. Así mesmo comprobamos que o estado é totalmente intransitable e o parecer segundo se nos comunica leva neste estado bastante tempo. Este camiño hai que recordar tamén, foi unha das promesas electorais do PP de Foz, e agora goberno Municipal, que prometía non só abrir o camiño dun xeito peonil, senón facer unha ampliación del e abrilo o tráfico rodado, o cal lle pedimos que asuma a súa responsabilidade e cumpra co prometido. O mesmo tempo reclamamos que se leve a cabo o baleirado e limpeza dunha fosa séptica que hai preto deste “Camiño Real” e que desborda pa un regato próximo e que debido a suba de temperaturas o seu cheiro comeza a ser insoportable e o mesmo tempo por salubridade. A moción foi aprobada por unanimidade e co compromiso, por parte do alcalde de levar a cabo o solicitado polo noso grupo.
A segunda moción foi recollida na xuntanza que mantivemos cos veciños de San Martiño e instamos o Ministerio de Fomento a modificar o proxecto do trazado do corredor do Cantábrico o paso polo concello de Foz. Soubemos polos medios de comunicación que o PP despois de moitas promesas quería comezar as obras do corredor do Cantábrico que enlaza Barreiros-San Cibrao. Dende FPF entendemos que o trazado que afecta ó noso termino municipal podería ser mellorado nalgún aspecto que queremos remarcar nesta moción. Entendemos que o noso casco urbano non podería quedar cun so aceso como no proxecto actual está plasmado,(antiga fábrica de Jeremías, rotonda de Fazouro), ademais este segundo aceso que pedimos dende FPF podería perfectamente tamén servir de unión coas parroquias do interior do noso Concello como son: Vilaronte, San Martiño, Sta Cecilia e San Acisclo.
Así mesmo, solicitamos que se intente alonxar o máximo posible o trazado do corredor da Basílica de San Martiño polo impacto que isto suporía para un monumento catalogado como a catedral mais antiga do país e un monumento histórico de moita relevancia para o turismo do noso do noso concello e que debemos e estamos na obriga de protexer. Se nos informa que existen modificacións o proxecto orixinal que se contempla que o macroviaducto que se proxecta preto da Basílica irá alonxada sobre 200 metros mais así como unha baixada na altitude deste. Tamén parece que xa houbo conversas con alcaldes de concellos próximos a Foz para propoñer un acceso a altura da capela do Carme en Foz, o cal nos enche de satisfacción que así sexa, pero queremos deixar plasmada a nosa proposta para que todo o solicitado se leve a cabo. A moción foi aprobada cos votos a favor de FPF, PSOE e BNG e coa abstención do PP.