Barreiros, 23 de xullo de 2016. “A situación na que se atopan a día de hoxe as praias de Barreiros non é máis que a mostra visible do desgoberno, a incapacidade e a deixadez dun goberno municipal presidido por Alfonso Fuente, que ten absolutamente desatendido o concello”. Así se manifestou o grupo municipal do BNG que asegura que “a retirada das Bandeiras Azuis non é máis que a punta do iceberg, que ven a amosar a situación na que está, non só as praias, senón todo o concello”.
A portavoz municipal, Ana Ermida, afirma que “os problemas dos vertidos de Arealonga non son nada novo, nin nada puntual, como pretende facernos crer o Alcalde. Ese problema existe desde hai anos e foi denunciado polo BNG en numerosas ocasións, pedindo que se tomaran as medidas para solucionalo. Pero o Alcalde ten outras prioridades e nunca quixo afrontar a necesaria posta en funcionamento dunha depuradora en Reinante que poida asumir os residuos que se xeran”, explica. “Non se trata agora de botar balóns fóra e de dicir que se chamou á porta doutras institucións. Alfonso Fuente leva anos enganando ás veciñas e veciños de Reinante dicindo que ía ser Augas de Galicia quen asumise tal investimento, cando sabía que iso non podía ser. Agora volve co conto de que chama a outras institucións para evitar asumir a súa responsabilidade e, en último termo, culpabilizar a outras institucións”.
Desde o BNG aseguran que “se despois dos anos que hai que comezaron os problemas dos vertidos, o goberno do Partido Popular non decidiu arranxalos, será que as prioridades son outras e que non interesa investir na depuradora de Reinante como si se fai noutras cousas.”
“Está claro que o problema é moito máis importante que a retirada da Bandeira Azul. O problema de fondo é un problema medioambiental e, incluso, de saúde pública. E parece que Alfonso Fuente e o seu equipo pouco interese teñen en arranxalo”, afirma Ana Ermida.
A xestión das praias, imaxe gráfica do traballo deste goberno
Desde o BNG critican que “o goberno municipal sexa tan dilixente para contratar unha empresa privada para limpar as praias, pero despois contemple impasible,verán tras verán, como se deixa unha imaxe nefasta do noso concello entre as persoas que nos visitan.”
“A deixadez, tamén na xestión dos areais, non é máis que o pan de cada día neste concello. O que pasa é que as praias son algo moi visual, ás que acode moita xente e por iso os problemas trascenden de xeito máis evidente”, explica Ana Ermida.
Por iso o BNG leva anos sen acudir ao paripé do izado das bandeiras azuis que organiza o alcalde cada principio de verán. “Este ano anunciáronse seis bandeiras azuis. Desas xa foron retiradas tres e, de seguir con estas actitudes, Barreiros quedará sen galardóns”, aseguran desde o BNG.
“E o problema non é a perda de bandeiras ou ter máis ou menos. O problema é que se perden porque se perden servizos, se ten menos seguridade ou se priorizan outras actividades en lugar do disfrute das praias. Esa é a preocupación que temos no BNG. Que cada ano as nosas praias están en peor estado e a xente que nos visita e as propias veciñas e veciños teñen peor imaxe do noso concello”, afirman. “Eso é o que consigue Alfonso Fuente, o gran balance da súa xestión: que Barreiros pase de ser coñecido polos quilómetros de areais a ser coñecido polo desastre urbanístico e a nefasta xestión económica e tamén das praias”, sentenzan desde o BNG.
A xestión medioambiental de Barreiros suspende clamorosamente
“É evidente que o respecto polo medioambiente nunca foi unha prioridade para este goberno municipal”, afirman desde a formación nacionalista. “De feito, no que vai de ano, este Concello tivo que pagar dúas multas por infraccións medioambientais. Unha por infrinxir a Lei de Residuos de Galiza e outra por non cumprir coa Lei de protección da natureza”, aseguran.
Pero ademais, o goberno popular de Barreiros amósase impasible ante a situación de practicamente todas as depuradoras do concello que, ou ben non son quen de atender os residuos que se producen ou, directamente, non funcionan. “De feito, se estes días se visita a depuradora de San Miguel pódese observar a simple vista que está funcionando igual que a de Reinante, expulsando as augas fecais ao río directamente e producindo unha contaminación evidente”, manifestan desde o BNG.
Desde o BNG tamén se preguntan se as actuacións realizadas na praia de Arealonga para tratar de tapar, literalmente, os vertidos con maquinaria pesada están autorizadas e contan con todos os permisos medioambientais, xa que o ano pasado, houbera apercibimentos por ter utilizado ese tipo de maquinaria nese mesmo areal. “Desde logo, se esta é a xestión que se fai desde a alcaldía e a área de medioambiente do concello é mellor que tomen vacacións e deixen de seguir danando o medioambiente e, de paso, aínda máis a maltreita economía municipal que bastante delicada está xa como para seguir afrontando sancións como consecuencia da súa incapacidade”, conclúe Ana Ermida.


















Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.
A clientela aproveitou esta cita para facerse con artigos de tempada a prezos moi interesantes. É a segunda vez neste mes de agosto que se celebrou o Comercio na Rúa en Ribadeo. Para a organización desta campaña Acisa contou coa colaboración do Concello de Ribadeo, Comercio Galego e Xunta de Galicia.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.



