O colectivo “Por nuestro faro” pretende “seguir loitando por clarificar unha situación que nos parece inadmisible: irregularidades constatadas no proceso de adxudicación, a ocultación de información por parte do Concello de Ribadeo e a outorgación da licenza fóra de prazo e sen cuestionar a validez dos informes”.
“Esta semana entramos en contacto co Valedor do Pobo ao que remitiramos as nosas queixas para saber en que punto se atopaban os trámites e comunicáronnos que solicitaron o informe ao Concello de Ribadeo, o día 17 de xuño, dándolle un prazo de 15 días para contestar, pero que, a día de hoxe, case un mes despois, non obtiveron resposta. Resulta incrible este mutismo, alarmante, en calquera sociedade democrática que se prece e dá unha imaxe pésima do Concello de Ribadeo”.
Doutra banda, “a persoa coa que falamos por teléfono lembrounos, como di o alcalde de Ribadeo, que as licenzas son actos regrados polo que se os informes son favorables ten que concederse a licenza, con todo, díxonos tamén que os informes poden ser discutibles e o Concello non está obrigado a aceptalos por decreto (como os informes da Rede Natura ou de viabilidade económica). Agora toca esperar, como sempre, a resposta ou non resposta do Concello de Ribadeo”.
“Nós, no colectivo “Por nuestro faro”, pensamos que existe unha parcialidade evidente ao asociarse falta de rigor, mutismo e segredo”. Así, “reunirémonos o mércores 20 de xullo para tratar estas cuestións e ver cales poden ser os camiños posibles e vías para defender o que pertence a todos, posto que as institucións competentes non o fan”.
“Ao mesmo tempo, e doutra banda, cremos que resulta unha tomadura de pelo para todos os ribadenses, e sobre todo para os defensores do hotel, que o argumento número 1 utilizado para a reconversión do faro, e que era o acceso á illa, desapareza sen máis e que o acceso pase a ser exclusivo dos ocupantes foráneos do futuro hotel. Nós sempre defendemos o acceso á illa, desde o público, de forma regulamentada, respectuosa e democrática, e cremos que o que se fixo foi unha manipulación da opinión pública para que prosperase a idea do hotel”.