Santiago, 7 de xullo de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defenderá que se mellore e axilice o sistema actual de cómputo do consumo de cotas das embarcacións que participan no plan de xestión do Caladoiro Nacional Cantábrico Noroeste. En concreto, solicita que o Goberno central impulse as reformas normativas que sexan precisas para que sexa obrigatorio que todas as embarcacións con porto base en Galicia comuniquen á Federación Galega de Confrarías as súas notas de venda, con independencia do punto onde teña lugar a descarga das capturas e nun prazo que non supere ás 12 horas desde que estas se produzan.
Deste xeito, a Federación de Confrarías poderá facer un seguimento moito más real e exhaustivo das cotas consumidas e adoptar as decisións que en cada caso sexan pertinentes respecto das medidas de xestión das distintas pesqueirías (cambio de topes, solicitude de peches precautorios, entre outras), evitando incorrer en situacións de sobrepesca e, en consecuencia, evitando futuras sancións. “O resultado será que a actividade estará regulada dun xeito moito máis eficiente e natural ao longo de todo o ano”, apuntou Balseiro.
FLOTAS DO CALADOIRO NACIONAL
Poderán beneficiarse desta medida as embarcacións con porto base en Galicia que operan baixo o plan de xestión do caladoiro Cantábrico-Noroeste, como por exemplo aquelas que capturan cabala na modalidade de artes varias (na que están incluídas embarcacións de palangre, volanta, racú e artes menores), non así o arrastre ou o cerco, onde as cotas son maioritariamente individuais. Tamén poderían incluírse flotas dedicadas a outras especies, como é o caso do bocarte e da sardiña, que aínda que só está autorizada para o cerco si se xestiona mediante cupos.
Balseiro explica que a entidade xestora encargada de realizar o cómputo de consumos de cota é, no caso de Galicia, a Federación Galega de Confrarías ou, nalgúns casos, as organizacións de produtores, que o fan en función dos datos de actividade procedentes das anotacións no diario de a bordo, declaracións de desembarque e notas de venda, así como das transmisións do Diario Electrónico.
EFECTOS PERVERSOS
Dáse a circunstancia de que moitos barcos con porto base en Galicia, pero que realizan a súa actividade fóra das nosas augas ou realizan as súas descargas en portos doutras Comunidades autónomas, non facilitan ou non o fan coa axilidade necesaria as súas notas de venda, retrasando o cómputo real sobre o cupo consumido.
“Esta circunstancia pode derivar en efectos perversos cando as peticións de peche das pesqueirías se realizan tarde e a cota consumida está amplamente superada, incorrendo en sancións por sobrepesca e en deducións sobre as cotas da anualidade seguinte”, indicou o portavoz popular, quen manifestou que o obxectivo desta iniciativa é “evitar estes efectos perversos que acaban pagando os traballadores do mar”.