Foz, 5 de agosto de 2016. A nova estación depuradora de augas residuais de Foz licitarase nos vindeiros meses, segundo anunciou o alcalde, Javier Jorge Castiñeira. Esta infraestrutura foi aprobada no Consello da Xunta de onte cun investimento de 8 millóns de euros.
O rexedor municipal explicou que “o Consello da Xunta aprobou o gasto de máis de 8 millóns de euros para aprobar o convenio de Augas de Galicia co Concello de Foz para a realización da depuradora, en concreto nas anualidades xa desde este 2016 ata o ano 2020”.
O rexedor focense engadiu que “nesa licitación, que será nos próximos meses, incluirase ademais do anteproxecto, o proxecto e o todo o importe das obras que inclúe a nova estación depuradora fora do núcleo urbano, todo o que é o saneamento e as impulsións e pozos de bombeo desde o centro do casco urbano ata a depuradora e o novo emisario, que é fundamental”.
Javier Castiñeira subliña que “este é un proxecto revulsivo para o equipamento municipal do noso concello. Virá a cubrir todos aqueles fallos que durante estes últimos anos estaban nos medios de comunicación, fallos na política de saneamento deste concello que estaban traendo desagradables cheiros e vertidos á ría. Este proxecto eliminará a depuradora no centro urbano, mellorará ao cen por cen a calidade medioambiental do noso concello, o saneamento da nosa ría, que será un cambio fundamental, e as molestias aos máis de mil veciños aos que lles afecta directamente esa mala calidade da actual depuradora de Foz”.
O alcalde considera que “coa nova depuradora, cun novo plan xeral tamén a punto de aprobar, e coa reorganización do Centro Comercial Aberto de Foz, a reordenación das dúas rúas urbanas de Foz, nos vindeiros anos o concello de Foz aproxima un futuro moderno e cunhas condicións e potencial enorme. Seguro que o futuro será cada vez máis presente e a verdade é que nestes vindeiros anos, no remate da lexislatura, espérase que o concello estea perfectamente modernizado, sobre todo en infraestruturas municipais, do cal había un déficit enorme”.