Ribadeo, 3 de agosto de 2016. Os comercios de Ribadeo ofrecerán descontos especiais e sorpresas durante a celebración da Noite Fluor, que organiza ACISA este xoves, 4 de agosto. Os establecementos permanecerán abertos ata as once e media da noite.
O presidente de ACISA, David Martínez, asegura que “é unha noite moi especial como todos os anos. Consiste en que os establecementos participantes ofrecen moitos descontos, sorpresas e agasallos nas tendas que abrirán ata as once e media da noite”. E agarda que “a xente goce do noso comercio e da nosa hostalería”.
David Martínez anunciou que “teremos un tren fluor e actuacións musicais. Temos catro grupos este ano que van facer as ledicias da xente, o grupo Woody, The Keng Song que fan versións de blues, Upper West Loop que fai cancións moi modernas que gustan moito, e DJ Lelé, que é moi coñecido nesta zona que vai deleitarnos coa súa música tamén”.
O presidente de ACISA manifestou que “o programa da Noite Flúor é moi completo este ano e a xente pode gozar de xogos tamén para os nenos, quedarse a comer por aquí, tomar algo en Ribadeo, comprar, cear e gozar de todo o que temos preparado”.
Martínez subliñou que “tamén estará o tren fluor paseando pola zona, de balde, con varias paradas para que a xente non teña que levar encima as súas compras”. E dilles a ribadenses e visitantes “que se preparen, sabemos que as tendas van ter ofertas especiais e agasallos moi divertidos. As pulseiras que temos sempre para que os nenos vaian buscándoas polas tendas. Vai haber moitas novidades, pero mantendo a esencia de sempre da Festa Fluor”.
Na Noite Flúor participarán as seguintes tendas: La Moda Hombre, PC Ribadeo, Bis a Bis, Tu&Tú, Eurekakids, Lencería Julia, La Moda Sport, Terra Branca, Folder, Bora Bora, Sweet Monkey, Mercería Vizcaya, Menoslobos, Joyería Modesto G, Mika, Sanjurjo Moda, Esprit, Miss-tic, Glass, Naná, Anais, Refan, Farfala, Din&Don, Maravalla, Güendolina, Xeito Decoración, La Florida, Chocolate junior&baby, Platería Gutié, Pippol´s, Saia e Hola Ola.