O 20 de novembro de 2012, baixo mandato do por aquel entón ministro de xustiza Alberto Ruíz Gallardón, entrou en vigor a denominada Lei de Taxas xudiciais.
O obxecto fundamental da mesma estaba recollido no preámbulo da lei, na que se establecía a pretensión de racionalizar o exercicio da potestade xurisdicional”, ao mesmo tempo que a aportar “ uns maiores recursos que permitirían unha mellora do sistema xudicial.”
Do mesmo xeito afirmábase que o dereito de acceso á tutela xudicial efectiva non debera de ser confundido co dereito á xustiza gratuíta, quérese dicir que o lei motiv da mesma era evitar a litixiosidade temeraria duns cidadáns que coa súa inconsciencia colapsaban o sistema.
A reacción inmediata á entrada en vigor da lei foi unánime, nunha situación inédita, por parte de tódolos operadores da práctica xurídica: a xudicatura, os fiscais, os colexios de avogados e tódolos intervintes no desenrolo procesual se manifestaron rotundamente contrarios. O motivo radicaba na concepción de que tal lei vulneraba flagrantemente o dereito ao acceso á xustiza, o que o artigo 24 da CE denomina como o acceso á tutela xudicial efectiva; atendendo a esta circunstancia a mentada lei tiña que ser obxecto de inconstitucionalidade e era contraria a dereito.
Esta situación, que puidera aparentar outra aburrida cuestión teórica de índole xurídico, tiña unha repercusión práctica de importancia substancial: a medida que os niveles de litixiosidade se disparaban en todos os eidos como consecuencia da crise, o acceso á xustiza se restrinxía mediante o estrangulamento económico do xustizable. Durante este tempo, ao marxe dos macro procesos xudiciais tipo Noós, Gürtel, ERES, Púnica, Caja Madrid-Bankia, Aquamed e un longo etc. que facían tambalear a confianza cidadán no estado de dereito, se sumaron outros de tanta ou maior transcendencia social como os procesos de declaración de nulidade por venta de participación preferentes, nulidade de cláusulas solo, débeda subordinada, SWAPS e demais produtos bancarios complexos ou o aumento inconmensurable de procedementos xudiciais de empresas concursadas ou acredores en reclamación de cantidades.
É un feito notorio que na comarca da Mariña a crise económica trouxo consigo o concurso, e posterior disolución e liquidación de empresas que, pola súa magnitude de negocio, arrastraron consigo a infinidade de subcontratas; estas se vían abocadas a recurrir a asumir procesos xudiciais nos que de entrada tiñan que empezar a pagar para poder reclamar, non podendo, en moitos casos, afrontar os custes da causa.
O ministro de xustiza foi metaforicamente decapitado nunha decisión estritamente política porque xa se sabe, non se trata de cuestións persoais, pero o negocio é o negocio. Gallardón marchou levando tanta paz como deixara.
A lei de taxas foi parcialmente derogada no mes de febreiro de 2015 mediante real decreto; algún lector observador podería preguntarse o porqué da supresión parcial, e dita cuestión debería engadirse á listaxe innumerable de cuestións por resolver,o tema é que foi por que tiña que ser e xa está. Dita derogación parcial seguía dinamitando o acceso á xustiza de moitas PEMES que seguían na obriga de abonar a taxa.
Case catro anos despois da entrada en vigor da lei de taxas, o pasado venres 29 de xullo o Tribunal Constitucional manifestouse en relación con algo que fora repetido ata a saciedade por todos os afectados: a lei de taxas era inconstitucional e debía ser derogada. Ante o escenario posterior ao fragor da batalla quedan dúas incógnitas que deben ser resoltas:
En caso de inconstitucionalidade ¿non debera de ser devolto retroactivamente o seu importe?
¿Onde van os 306 millóns de euros recaudados?