Santiago de Compostela 17 de xuño. O secretario xeral de Compromiso por Galicia e candidato á presidencia da Xunta, Xoán Bascuas, defendeu a necesidade de que a administración galega se implique para promover medidas efectivas de recuperación do interior de Galicia e puxo como exemplo unha iniciativa desenvolvida no lugar de O Verdugo no concello pontevedrés da Lama, que Bascuas visitou e onde “podemos ver como se pode crear riqueza e dinamizar localidades do interior da nosa terra”.
“Necesitamos un goberno que se comprometa co rural, apoiando aos emprendedores, mellorando as infraestruturas, e dinamizando estes núcleos que poden supoñer unha saída laboral para moitas persoas” afirmou Xoán Bascuas, que recolleu a petición destes veciños e empresarios que piden máis apoio por parte da Xunta de Galicia para a mellora da contorna e a recuperación do patrimonio etnográfico.
Os irmáns Olga e Daniel Vilas xestionan un servizo de habitacións nun marco incomparable, con dous ríos e unha praia fluvial, e ademais participan nunha asociación que promoveu a recuperación de camiños rurais, en colaboración con veciños e reclusos do cárcere da Lama.”Moitos núcleos do interior de Galicia poderían seguir este camiño de dinamización económica, social e cultural, pero necesitan un goberno que non hiberne en San Caetano e traballe cos pes na terra”.