Foz, 7 de setembro de 2016. O Centro Comercial Aberto de Foz repartiu 600 euros en premios no I Concurso de Fotografía Mi Verano en Foz’16. O evento alcanzou máis de 11.000 visitas na web da asociación. O presidente de ACIA/CCA, José Carlos Paleo, fai unha valoración moi positiva desta nova proposta, que volverá o próximo ano. En total presentáronse ao concurso 314 fotos.
Paleo sinala que “pasar o verán en Foz tivo o seu premio para moitos focenses, pero tamén para moitos visitantes. Estamos contentos coa resposta que tivo este primeiro concurso, xa que se presentaron máis de 300 fotos, son imaxes especiais do que significou este verán de 2016 en Foz para todas as persoas que quixeron participar nesta cita e levarse algún dos premios que se puxeron en xogo. Ademais de vales de compra para gastar nos establecementos asociados houbo tamén sorteo de agasallos por parte dalgunhas firmas asociados, ás que agradecemos a súa colaboración”.
Do éxito do concurso “dános mostra o movemento que tivo a nosa páxina web durante o mes de agosto. En total recibiu 11.375 visitas, de 7.000 persoas distintas. É un dato relevante e con isto conséguese a potenciación da páxina web. Ademais as fotos elixidas como as mellores, as que reuniron máis me gustas en facebook, contaron con máis de 400 e máis de 500 apoios cada unha”.
O presidente do Centro Comercial Aberto agradece “a participación no I Concurso de Fotografía Mi Verano en Foz’16, porque todos cedéronnos unha parcela da súa vida, do seu veraneo en Foz. Este foi un verán moi positivo para todos, para a hostalería e para o comercio. Foz recibiu a miles de persoas, moitas que xa son asiduas porque teñen vivenda aquí, pero tamén a moitas que nos elixiron para pasar as súas vacacións entre nós. O tempo foi excepcional este verán, e de momento segue en setembro, que tamén é un bo mes para achegarse a Foz”.