Burela, 6 de setembro de 2016. Dende o pasado 1 de setembro está aberto o prazo de inscrición para as actividades de Risoterapia e Áxilmente: obradoiro de ximnasia mental, que se levan a cabo dende a Concellería de Servizos Sociais do Concello burelés. Este novo período de actividades abarca de setembro a decembro de 2016.
Para inscribirse nos diferentes grupos destes obradoiros é preciso anotarse na Casa do Concello en horario de 08:00 a 15:00 horas. “Trátase de talleres totalmente gratuítos”, segundo explica a edil Patricio Otero.
A concelleira de Servizos Sociais sinala que “no tocante ao programa Áxilmente sinalar que vai orientado ás persoas maiores de 65 anos, e que no mesmo reforzaranse as distintas áreas que son necesarias para manterse autónomo/a o maior tempo posible e diminuír os factores de risco de padecer certas enfermidades. Traballaranse tamén habilidades de auto coidado (alimentación, control da saúde…), funcións cognitivas (memoria, atención..), coidado das capacidades motoras (exercicio, prevención de caídas..) e habilidades relacionais”.