Foz, 9 de setembro de 2016. O Concello de Foz adxudicou obras por un importe total de 69.902 euros para mellorar estradas municipais nas parroquias de Vilaronte, Santa Cilla e San Martiño.
O concelleiro de Obras e Medio Rural, Pedro Fernández Manín, explicou que estas obras realízanse “con cargo ao Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM), financiado por Agader, e foron adxudicadas por importe de 69.902 euros á firma Alcualcor SL. As obras a executar tiñan que referirse á parte rural do concello e que serviran para apoio a explotacións agrarias, polo que se considera prioritario facer actuacións en camiños xa existentes, en lugar de construír novas infraestruturas, algo que suporía un aumento dos custos de mantemento a medio prazo”.
Pedro Fernández Manín engadiu: “para concretar, as actuacións que vai levar a cabo o goberno local, que dirixe Javier Jorge Castiñeira, son o viario que vai desde o límite co concello de Barreiros pasando polo Cal e o Loureiro, pertencente á parroquia de Vilaronte; desde a estrada de Cardoxe pasando pola Zarza ata o barrio de Novas, pertencente á parroquia de Santa Cilla; e na parroquia de San Martiño, desde a estrada LU-2001 en Oirin, pasando polo barrio de Vilacendoi”.