Unha colisión entre dous vehículos deixa tres persoas feridas en Foz. O sinistro produciuse na N-642, no quilómetro 38, preto da variante de Fazouro.
O 112 Galicia recibiu o aviso do accidente ás 15:30 horas da tarde deste martes. Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias alertaron aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico. Os efectivos sanitarios, pola súa banda, encargáronse de trasladar ás tres persoas feridas ao Hospital da Costa, en Burela.
Atropelado por un camión en Fazouro
Máis tarde, un home resultaba ferido en Foz tras ser atropelado por un camión do reparto de butano.
Unha persoa chamaba ao 112 Galicia ás 18.00 horas para alertar dos feitos. Indicou que o atropelo se producira nun paso de peóns situado nun cruce da estrada xeral en Bargado, na parroquia de Fazouro.
Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia estableceuse comunicación con Urxencias Médicas. Tamén se alertou aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.
O camión implicado transportaba bombonas de propano. A súa carga non se viu afectada. O ferido foi trasladado ao Hospital da Costa.