O Balonmán Galipizza Viveiro firmou o pasado sábado na cancha do UB Lavadores unha vitoria (30-35) que o clasifica de xeito matemático para a final da Copa Federación, que se celebrará o vindeiro 6 de maio. O seu rival será o Balonmán Deza lalinense, que tamén se asegurou esta pasada fin de semana a primeira praza no grupo II.
O conxunto viveirés disputou un partido moi serio no pavillón de Lavadores pese ás ausencias importantes coas que se presentou no recinto vigués. A primeira metade foi moi igualada, dándose moitas alternancias no marcador, pero sen que ningún dos dous contendentes fose capaz de marcharse no electrónico en ningún momento. Os visitantes, máis acertados no tramo final, conseguiron irse por diante aos vestiarios (18-19), a pesar de que non eran capaces de desenvolver un xogo fluído en ataque e concedían demasiado en defensa, onde as segundas liñas do cadro olívico atopaban situacións cómodas de lanzamento.
Os viveireses melloraron no segundo tempo e pecharon o encontro cun parcial de 2-6 nos últimos dez minutos
Variou o guión no segundo tempo. O 6:0 visitante por fin comezou a carburar e, coa axuda de Emilio na porta, que completou unha actuación notable, os locais comezaron a ter máis problemas para anotar, sendo capaces unicamente de marcar 12 dianas nestes segundos trinta minutos. De todos os xeitos, os de Javi Villares non conseguían romper o encontro a pesar de que chegaron a gozar de vantaxes de ata 3 tantos. Un tempo morto a dez minutos do final, cando os de Lavadores conseguiran poñerse a un só tanto (28-29), serviu para que os da Mariña clarificaran as súas ideas, volveran a botarlle o cancelo á súa portería e no último tramo finiquitaran as aspiracións dos locais cun parcial de 2-6 que selou o definitivo 30-35.
UB LAVADORES (30): Buxo e Álvarez; David Rial, Pozuelo (5), Martín (1), Adán (4), Pablo Agustín (3), Sergio (1), Pablo López (7), Adrián (1), Jorge (2), Alfredo (4), Parada (2) e Mariño.
Exclusións: Pozuelo e Alfredo.
BALONMÁN GALIPIZZA VIVEIRO (35): Emilio; Jose Labaén (1), Carlos (6), Javi Villares (4), Jose Da Silva (1), Villares (2), Ignacio, Turbo (6), David (4), Sanjurjo (3), Jacobo Permuy (2) e Aitor Freiría (6).
Exclusións: Villares e Sanjurjo.
Árbitros: Rodríguez Fernández e Hermida Vila.
Incidencias: Pavillón Municipal de Lavadores (Vigo).
PRÓXIMA XORNADA E FINAL
O Balonmán Galipizza Viveiro pechará a súa participación nesta primeira fase da Copa Federación recibindo o vindeiro sábado no Municipal (18 horas) a un Balonmano Ferrolterra que conta todos os seus encontros por derrotas. Os viveireses esperan pechar esta fase cun pleno de triunfos.
A final da Copa Federación disputarase o 6 ou o 7 de maio, unha vez estea rematado o campionato de Liga na Segunda Autonómica. O rival dos da Mariña será o Balonmán Deza, outro conxunto que tamén venceu nas catro primeiras xornadas copeiras. O equipo que finalice mellor clasificado na Liga terá o dereito de ser o anfitrión da final.