Burela, 11 de outubro de 2016. O Programa de Inmigrantes da Concellería de Inmigración e Cooperación de Burela organiza un cursiño formativo para axudar a alcanzar un bo grado de integración. Esta acción está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.
Segundo explican desde a Concellería de Inmigración e Cooperación “unha novidade introducida no novo regulamento de estranxeiría é a dos informes previstos na Lei orgánica a través dos cales as administracións locais e autonómicas poden participar. Os informes de integración poden ser válidos para renovacións das autorizacións, avaliándose especialmente o esforzo de integración da persoa estranxeira acreditando a asistencia ás accións formativas de coñecemento e respecto dos valores constitucionais e estatuarios de España, dos valores da Unión Europea, así como dos dereitos humanos, das liberdades públicas, a democracia, a tolerancia e a igualdade entre homes e mulleres”.
O curso ofertado denomínase Curso de acreditación do esforzo de integración. Terá unha duración de 24 horas e será impartido dende o 17 ata o 25 de outubro no Concello de Burela. Pódese solicitar máis información na Casa do Concello ou chamando ao 982 58 06 09.