Cervo, 11 de outubro de 2016. O Concello de Cervo ven de rematar as obras da segunda fase do saneamento na parroquia de Castelo cun investimento de 39.515 euros, financiados pola Xunta e o propio Concello.
O alcalde, Alfonso Villares, anunciou hoxe que “desde o Concello de Cervo vimos de rematar uns traballos de saneamento, en concreto na nosa zona rural e neste caso foi na parroquia de Castelo. É a segunda fase do saneamento de Castelo, no que nunha primeira fase xa se levara adiante a construción da depuradora. Esta segunda fase consistiu en achegar as canalizacións aos barrios do Castro, da Igrexa e do Pazo, todos eles no burgo de Castelo”.
O rexedor cervense engadiu que “a lonxitude das canalizacións que se instalaron é de 630 metros e o financiamento que tivemos para esta obra foi de 39.515 euros, dos cales 8.000 euros púxoos o Concello de Cervo con fondos propios e o resto ven dunha subvención a través da Xunta de Galicia, en concreto da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza”.
Alfonso Villares subliña que “estes 39.515 euros serviron para seguir achegando o saneamento ás nosas aldeas, unha zona rural na que levamos investido moito diñeiro nestas infraestruturas básicas que nós consideramos fundamentais para que teñan todos os nosos veciños e que non queden soamente nas nosas zonas urbanas, en San Ciprián e Cervo, senón que hai que seguir estendendo ás nosas aldeas”.
O alcalde salienta que “ao marxe de dar servizo aos veciños que viven nos nosos burgos tamén van feitas coa intención de que sirvan para que esta zona rural sexa atractiva para que novos veciños se instalen ou queiran edificar nas nosas aldeas”.
Finalmente Alfonso Villares asegurou que “foron unhas obras nas que nesta segunda fase actuamos nestes burgos de Castelo, pero queda o seguinte traballo, que xa o estamos preparando, para seguir estendendo a rede de saneamento ata que Castelo estea completamente co seu saneamento integral”.