A Mariña, 18 de novembro de 2016. A campaña da Federación de Comercio A Mariña chega mañá, 19 de novembro, a Xove.
Durante estes días os clientes que están a facer as súas compras ou consumindo na hostalaría local deben gardar os seus tíckets de compra para que o propio sábado se dirixan á carpa de A Mariña Federación, que estará situada na praza do Concello entre as once da mañá e as dúas do mediodía e entre as cinco e as oito e media da tarde, e alí obterán as rifas para participar no sorteo presencial que se celebrará ás 20.30 horas. A organización dará unha rifa por cada tícket superior aos 10 euros.
A Mariña Federación subliña que “en caso de choiva o sorteo celebrarase no interior do pavillón. Vemos que as previsións do tempo para mañá, sábado, dan auga nesta zona e queremos que todo o mundo estea a cuberto e siga o sorteo sen problema”.
Os 2.000 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados á Aciam de Xove repartiranse en 10 premios de 100 euros cada un, un premio de 200 euros, un premio de 300 euros e un premio de 500 euros.
Durante toda a campaña da FCAM, que se desenvolve desde o 10 de outubro ata o 26 de novembro, sortéanse en total 12.000 euros en vales de compra. Xa se celebraron sorteos en Viveiro, en Ribadeo, en Foz e en Burela. Mañá será o turno para Xove e a vindeira semana para O Vicedo.