A Xunta vén de poñer en marcha o Plan de vialidade invernal 2016- 2017 para a provincia de Lugo, que permanecerá activo ata o vindeiro 30 de abril, coa posta en marcha dun dispositivo que contempla 1.740 toneladas de reservas de fundentes e 118 profesionais.
Así mesmo, nesta provincia disponse de dous centros operativos, un na zona norte, en Xermade, e outro na zona sur, no Incio. Cada unha destas localizacións dispoñen a súa vez con varios subcentros.
A Xunta dispón de 4 plantas de fabricación de salmoira e de reservas de fundentes que suman 1.740 toneladas. Ademais, neste dispositivo traballarán un total de 118 profesionais, que disporán de 58 máquinas, entre as que se contabilizan camións ou esparexedores de sal.
O obxectivo desta iniciativa é establecer a organización e os procedementos de actuación dos recursos dispostos pola Xunta coa fin de garantir e mellorar as condicións de vialidade na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo, ou a aparición de neve, reducindo ao mínimo o número de tramos con restricións ao tráfico.
Protocolo de actuación
A Xunta ten establecido un procedemento para actuar en función das condicións meteorolóxicas nas que se atope a comunidade. As medidas divídense en dous grupos: preventivas, para anticiparse aos posibles problemas que poidan xurdir; e curativas, para garantir a vialidade e incrementar a seguridade nas estradas.
• Situación normal: aínda que non haxa previsión de xeadas ou neve, mantense unha constante vixilancia do tempo, consultando os partes e previsións meteorolóxicas.
• Previsión de xeadas: aplicaranse tratamentos preventivos, consistentes no esparexemento de fundentes, con dotacións baixas, nos treitos nos que sexa frecuente a aparición de placas de xeo; e realizarase un control especial das zonas problemáticas, e repetición do tratamento se é preciso.
• Existencia de xeadas: cando se detecte a presenza de placas de xeo nalgunha estrada complementarase o tratamento anterior co esparexemento de fundentes, con dotacións máis altas.
• Previsión de nevadas: esparexemento de sal ou salmoira nos tramos nos que se sexa frecuente a aparición de neve; control destas zonas problemáticas e repetición do tratamento se se detecta, debido á choiva, a perda do tratamento anterior.
Existencia de neve: paso da coitela quitaneves e extensión de fundentes. A partir de aí, realizarase un control intenso das estradas afectadas por se fose necesario realizar sucesivas aplicacións destas medidas.