Burela, 7 de novembro de 2016. O Programa de Atención a Inmigrantes do Concello de Burela, como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, organiza un obradoiro de fotografía social, que terá lugar o vindeiro venres, 11 de novembro, na Casa do Concello a partir das sete da tarde.
Segundo explica Angélica Gómez “a actividade enmárcase na exposición Imaxes con Fondo, que se pode ver na Casa da Cultura ata o mesmo 11 de novembro”.
A concelleira de Inmigración e Cooperación sinala que “este obradoiro vai ser impartido por Felipe Carnotto, fotógrafo gañador dun dos concursos de Imaxes con Fondo, que vai ensinar aspectos básicos sobre a fotografía social, sendo o obxectivo espertar a curiosidade polo mundo da fotografía e xerar as ferramentas necesarias para dar a posibilidade de mellorar o ollo fotográfico e ampliar o coñecemento tanto da arte fotográfica como da súa faceta máis documental”.
Os interesados en participar nesta actividade deberán inscribirse no Programa de Atención a Inmigrantes do Concello ou chamando por teléfono aos seguinte números: 982 58 60 00 ou 982 58 06 09.