Cervo, 18 de novembro de 2016. A importancia de preservar a calidade do aire nas cidades é o tema que se abordou nas xornadas que se celebraron onte en Málaga e nas que participou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, como presidente da Comisión de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios y Provincias.
O alcalde de Cervo explicou que estivo en Málaga “nunhas xornadas da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) como presidente da Comisión de Medio Ambiente da FEMP, xornadas que versan sobre a mellora da calidade do aire nas cidades. É un aspecto moi importante porque nas cidades residen moitas persoas e a polución, sobre todo polos automóbiles e tamén polas calefaccións dos fogares, é máis abundante que nas zonas rurais”.
O rexedor cervense engade que “é nas cidades onde ás veces, cando ese nivel de contaminación é excesivo, hai que tomar medidas alternativas, como levamos escoitando durante estes últimos días, á hora de intentar limitar a circulación de vehículos en función de distintos factores, ben sexa pola matrícula ou polo tipo de vías. Tamén á hora de intentar tomar medidas sobre todo de concienciar á xente para a utilización do transporte público, de ir ao traballo a pé incluso en bicicleta, como sexa, pero hai que intentar facer o posible para deixar o coche o maior tempo posible nas nosas casas”.
Alfonso Villares salienta que “estas xornadas tratan sobre todo de intentar facer o posible para concienciar a todos os veciños do importante que é tomar estas medidas, porque evidentemente non estamos xogando unicamente coa nosa vida senón que tamén estamos a xogar coa vida das xeracións futuras; e tamén por elas temos que mirar e deixar ás veces de ser tan egoístas de mirar unicamente para nós sos”.
O alcalde de Cervo indica que “dentro das distintas temáticas que se están a trasladar estase tamén a ver cales son as distintas directivas europeas que se están propoñendo sobre todo á hora de intentar utilizar combustibles alternativos e distintas prácticas municipais para mellorar a calidade do aire que se están a aplicar en distintas cidades como poden ser Sevilla, Madrid e incluso aquí, en Málaga”.
Villares subliña que “o máis importante de todo é que falemos realmente da importancia que ten preservar a calidade do noso aire porque ao fin e ao cabo diso depende a nosa vida”.