A Delegación Municipal de Cultura, dentro do ciclo de teatro afeccionado, presenta ao Grupo de Teatro A ADALA de Fazouro coa obra “ Se o sei non volvo á casa”.
A representación terá lugar na Casa da Cultura de Burela o vindeiro venres, 23 ás 21:00 horas. A entrada será libre e para todos os públicos.
O grupo teatral A Adala nace en Fazouro no ano 1999 como resposta ás inquedanzas culturais dun grupo de persoas da localidade e, contando como lugar de ensaio, cun local compartido coas diferentes asociacións da parroquia.
Os obxectivos que se marcou o grupo nun primeiro momento foron:
-Achegar o teatro afeccionado á zona da Mariña.
-Formar un grupo teatral consolidado.
-Tratar a través das obras teatrais, temas de actualidade e de ampla repercusión co fin de sensibilizar sobre comportamentos antisociais, desacertados e irracionais.
O grupo confórmano un número de actores que oscila entre nove e quince persoas.
O seu debut artístico produceuse o nove de xaneiro do ano 2000 coa obra “Andar á comenencia”.
Entre as obras que conforman a traxectoria artística do grupo están:
“Andar á comenencia” ,” No San Campio”, “Ferro e fariña”, “Borrando sombras”, “A derradeira batalla do Marqués de Sargadelos”, “A caída do Império”, “Escoitando as cores”, “Fobias de amor”, “Mazás de Cuco “, “Ilusións”,…
A última proposta de A Adala, a cal veremos, este venres , é unha obra aló polos anos vinte cando na guerra de Melilla, moitos homes tiveron que emigrar para terras de fora, para así poder librar la guerra e do servizo militar.
“Pero cando volvían para a casa viñan máis pobres que cando marcharón, máis pobres que as arañas”!