Xa está dispoñible na rede un pequeno avance do que será “Honra”, documental que narra o histórico ascenso do Cefire Burela á máxima categoría do fútbol sala español, no ano 1999.
Despois de disputar e gañar unha eliminatoria de PlayOff contra o Móstoles F.S, o cadro mariñán gañábase o privilexio de poder xogar na mellor liga do mundo, algo excepcional para un conxunto dunha localidade que, por aquel entón, roldaba os 8.000 habitantes.
Unha fazaña que nunca se vivira na zona e que, sen dúbida, acrecentou a afección a este deporte na localidade e na comarca.
“Honra” serve como homenaxe a aquel equipo, aos seus seguidores e a todo afeccionado ao fútbol sala que queira revivir aquel emocionante momento que fixo sorrir a todo un pobo.