Ribadeo, 16 de xaneiro de 2017. A comisión informativa, previa ao vindeiro pleno municipal, abordará este xoves a modificación das ordenanzas para a concesión de licencias de obra. Segundo o alcalde, Fernando Suárez, o obxectivo pasa por mellorar a xustiza social e para conseguir unha maior celeridade na súa tramitación administrativa.
O rexedor contou que “o aspecto máis principal desta vindeira comisión informativa a celebrar o vindeiro xoves, é a modificación das normativas, das ordenanzas que temos vixentes de cara a dar licencias de obra. Lles imos dar unha nova redacción basicamente para mellorar unha igualdade de trato, unha maior xustiza social entre os administrados, e ao mesmo tempo lograr tamén unha maior celeridade na tramitación administrativa de licencias de obra, especialmente as pequenas licencias de obra”.
Suárez Barcia salientou que “na primeira parte, no que ten que ver coa igualdade de trato, para que todos sexamos iguais. Todo o mundo cando solicite unha licenza de obra vai pagar a porcentaxe que estea establecido, pero de acordo a uns módulos, non soamente ás partidas que redacten os técnicos, os aparelladores ou os enxeñeiros que fagan eses proxectos. Porque vemos que desde que se liberalizaron hai varios anos os prezos regulados polos colexios de arquitectos, etc… vemos que estaba habendo unha disparidade de prezo importante nas mesmas unidades en obras similares. É dicir alguén que viña pedir licenza para facer unha determinada obra similar a outro podería cambiar os prezos segundo o técnico que redactara ese proxecto e polo tanto sería inxusto que uns acabaran pagando máis e outros menos polo mesmo tipo de obra”.
O alcalde explicou que “se buscaron uns módulos, estase facendo como algúns concellos que xa o teñen establecido desde hai tempo, singularmente en cidades, para estandarizar sen que isto supoña un incremento sobre os valores reais, sendo en todo caso inferiores os valores reais da construción. Isto vai lograr unha igualdade de trato con independencia de quen redacte o proxecto”.
Fernando Suárez manifestou que “por outra banda queremos tamén adaptarnos a unha normativa urbanística que hai desde non hai moito tempo, que prevé que non todos os actos polos que se teña que conceder unha licenza de obra se teñan que suxeitar a unha licenza de obra previa, senón que nalgúns casos abonde cunha declaración responsable do promotor, que sexa suficiente para iniciar os traballos que posteriormente comprobarán os técnicos municipais”.
O rexedor subliñou que “isto está referido a que cando alguén a partir de agora queira facer obras de pouca entidade ou de reparación menor como pinturas, goteiras, cambio de canalóns, reformas interiores, cambio de alicatados de cociñas ou de baños e mesmo de fiestras, poderá presentar unha declaración responsable presentar xunto con toda a documentación que se requira, e a partir da súa presentación poderá iniciar as obras”.
Suárez Barcia dixo que “loxicamente os traballos posteriormente serán comprobados polos técnicos municipais de que se adaptaron ao que solicitaron e que fixeran o que realmente solicitaron, se non queren ter problemas despois con revisións ou con expedientes de reposición da legalidade”.
O alcalde insistiu en que “o que queremos é dar axilidade e que o tempo de trámite para a concesión destas pequenas licencias non sexa unha escusa para non solicitalas”.