Lugo, 17 de xaneiro de 2017.- O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, participará entre mañá, mércores, e o xoves en sete actos promocionais que se celebrarán en Madrid, no marco da Feira Internacional do Turismo (Fitur), para dar a coñecer a oferta turística da provincia.
O delegado considera imprescindible “aproveitar este escaparate e darnos a coñecer ao mundo”, xa que esta feira convoca ao sector turístico estatal e internacional e “supón unha oportunidade inapelable para difundir os recursos turísticos da provincia”.
Deste xeito, Balseiro iniciará a súa participación na presentación que realizará mañá a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés e pecharaa na tarde do xoves co acto organizado pola Mancomunidade de Municipios da Mariña.
Igualmente, asistirá a actos promocionais da provincia e da cidade de Lugo, a Ribeira Sacra e a Semana Santa en Galicia -onde se promocionará a de Viveiro, de interese turístico internacional-, así como á presentación da guía “… E para comer, Lugo”.
Os actos terán lugar no stand que habilita a Xunta de Galicia para a difusión da oferta turística de toda a comunidade. Durante os días da feira celebraranse numerosos actos organizados directamente pola Xunta para poñer en valor a diversidade dos nosos recursos turísticos, como o patrimonio natural, o Camiño de Santiago, o enoturismo ou a oferta portuaria, entre outros.