Cervo, 25 de xaneiro de 2017.- O Goberno de Cervo experimentará nos vindeiros días unha reestruturación que permitirá consolidar e reforzar o equilibrio entre as diferentes áreas de actuación do executivo.
Así, o concelleiro delegado de Obras, Infraestruturas e Medio Rural, Plácido Pérez, será nomeado Primeiro Tenente de Alcalde.
O Goberno contará tamén cunha nova concellería de Patrimonio e Réxime Interno que encabezará o edil Alfredo Antonio Fernández, que entra a formar parte así do executivo.
Unha delegación que cobra especial relevancia tendo en conta a envergadura do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos ou o Castro da Atalaia, entre outros bens patrimoniais do Concello “sobre os que se seguirá a traballar nos vindeiros anos con especial sensibilidade ao contar cunha concellería específica que redundará no seu impulso e desenvolmento sostible”, tal e como sinala Villares.
Ademais, dado o importante peso das delegacións de Educación, Cultura ou Xuventude como motor dinamizador do Concello de Cervo, o Goberno pretende apuntalar e reforzar estas áreas para seguir a traballar e intensificar a axenda de programación de diferentes actividades lúdicas e culturais, porque “para nós é unha prioridade que cada vez sexan máis e de mellor calidade os servizos prestados neste eido aos veciños e veciñas do Concello”, apunta o alcalde.
Deste xeito, a concelleira delegada deste departamento, Mª Dolores García, incrementará as horas de dedicación co correspondente axuste retributivo, que supón un incremento salarial de 3.700 euros brutos ao ano.
Para poder acadar unha redistribución do presuposto que permita dotar de maior peso específico a áreas como as de Patrimonio, Cultura, Educación ou Xuventude o alcalde de Cervo baixará o seu salario anual un 2%, cunha dedicación mínima de 148 horas mensuais.
Así mesmo, para adaptarse aos novos tempos que marca a sociedade en proceso continuo de cambio, o Concello integrará a un traballador eventual que desenvolverá tarefas de comunicación e información no eido local para dotar dunha maior transparencia, proxección e visibilidade ao municipio en todo o relativo ao tecido social, cultural, económico, deportivo ou patrimonial. Deste xeito, a veciñanza recibirá regularmente información do seu interese, ao verse reforzada tamén a presenza de Cervo nas redes sociais e ao intensificar o servizo da páxina web. Este novo traballador recibirá unha retribución de 18.200 euros brutos anuais.
Esta reestruturación do Goberno de Cervo será aprobada no Pleno ordinario que se celebrará o vindeiro mércores, 1 de febreiro.