02 de marzo de 2017.- O Vicepresidente Primeiro da Federación Galega de Municipios de Provincias (Fegamp) e alcalde de Cervo, Alfonso Villares, participou esta semana, como representante do municipalismo galego do Grupo Popular, no Consello Territorial da FEMP, que tivo lugar en Madrid.
Villares quixo trasladarlles aos diferentes alcaldes do seu partido os acordos aos que se chegou nesta reunión.
Así, consensuaron solicitar a ampliación da taxa de reposición dos empregados públicos locais, xa que “froito da crise, foi necesaria a aplicación dunha lei de equilibrio orzamentario e de sustentabilidade financieira que supuxo para os Concellos unha perda de case 100.000 empregos en catro anos, e, coa situación actual de recuperación económica, cremos que agora pode ser o momento de estudar a posibilidade de levantar esas limitacións”.
Neste senso, “é primordial e inaprazable a negociación e o acordo entre os grupos parlamentarios en materia de Presupostos Xerais do Estado, para que as Administracións Locais poidan tanto destinar o seu superávit ao impulso de inversións nos seus territorios, como para acadar esa amplicación da taxa de reposición de efectivos de acordo coas necesidades dos Concellos”.
Por outra banda, tamén se acordou que o Goberno e a FEMP deben impulsar a reforma do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, coloquialmente coñecido como plusvalía. É necesesario que esta modificación se leve a cabo vinculada á da financiación local e cumprindo o ditado polo Tribunal Constitucional.
Nesta mesma liña, o pasado 6 de febreiro, os membros do Grupo Popular na Federación, xa lle trasladaron nunha xuntanza á Vicepresidenta do Goberno e ao Ministro de Facenda e Función Pública, a necesidade de modificar a plusvalía, posto que se trata dun imposto que nos últimos anos xerou controversia a raíz de distintos pronunciamentos xudiciais. Tanto Soraya Sáenz de Santamaría como Cristóbal Montoro amosáronse receptivos nas demandas plantexadas pola FEMP.
Así, os membros do Grupo Popular da FEMP, “estamos convencidos de que o Goberno fará o necesario para chegar a un acordo común que satisfaga os intereses dos contibuíntes afectados pola perda de valor dos seus inmobles, ao tempo que salvagarden os recursos dos Concellos para que poidan seguir ofrecendo servizos públicos de calidade, conseguindo así un sistema tributario máis xusto”.