A Mariña, 6 de marzo de 2017. Medio cento de persoas acudirán mañá en Burela á presentación do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación de Lugo. O acto dará comezo ás 11 horas no IES Perdouro, segundo relatou esta tarde o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña.
Alfredo Llano anunciou que “mañá teremos a oportunidade de presentar o Plan Estratéxico de Turismo, que organiza a Deputación Provincial de Lugo. Vaise facer a presentación para diferentes persoas que estean interesadas, tanto Concellos como ao mellor algún tipo de organización, no IES Perdouro a partir das once da mañá e vai durar ata a unha da tarde”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña sinalou que “este Plan Estratéxico de Turismo pensamos que é importante presentalo aquí na Mariña, máis tendo en conta que agora mesmo estamos pensando dentro da Mancomunidade en abrir moito máis este campo do turismo aquí na nosa comarca, e facelo cada vez máis atractivo como xeodestino presentando unha boa oferta turística con servizos de calidade, e que a xente estea aquí a gusto”.
Llano salientou que “A Mariña ten moitísimo que ofrecer. Supoño que falarán dos recursos do patrimonio relixioso, civil, dos conxuntos histórico artísticos, do patrimonio etnográfico, das edificacións, dos areais, de todo o que temos para o deporte tanto en sendeirismo no medio rural como no deporte náutico”.
Para o presidente da Mancomunidade “aquí hai unha potencialidade enorme no aspecto do turismo, pero hai que saber levalo dunha forma axeitada e consensuada, e desde logo todo o mundo comprometido con esta vía económica que nos permite ser descubertos”.
Llano lembrou que “en Fitur contrastamos que non somos excesivamente coñecidos a nivel global do turismo, aparecemos cunha porcentaxe dun 1% da xente que ven visitar España e que se achega á Mariña. Temos que ir da man nun percorrido longo cara a asentar un patrimonio turístico que sexa realmente atractivo para todo o mundo que queira achegarse por aquí”.
Alfredo Llano rematou a súa disertación manifestando que “mañá sacaremos algunha conclusión desta presentación do Plan Estratéxico de Turismo que se fará no IES Perdouro para aproximadamente unhas 50 persoas, que estaremos alí vendo o que hai para a comarca da Mariña”.