A Mariña, 1 de marzo de 2017. O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no día de onte no Parlamento de Galiza varias preguntas para a súa contestación por escrito e en comisión a respecto do cumprimento do acordo adoptado hai dous meses para a creación dunha praza de enfermería oncolóxica no Hospital da Costa.
“O día 22 de decembro de 2016 a Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galiza aprobaba unha proposición non de lei promovida polo Partido Popular na que se instaba á Xunta de Galiza a impulsar a creación dunha consulta especializada de enfermaría oncolóxica no Hospital da Costa de Burela para complementar a prestación asistencial de novo hospital de día de oncohematoloxía posto en marcha na pasada lexislatura neste centro e que está a contribuír dun modo altamente eficaz á mellora de atención, tratamento e calidade de vida dos enfermos de cancro”, explica a portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado.
Xa naquel momento o BNG amosouse crítico por entender que se estaba a utilizar unha cuestión tan sensible como a necesidade de persoal e medios no servizo de oncoloxía do Hospital da Costa para autobombo e propaganda do Partido Popular, ademais de calificar a proposta como pouco ambiciosa e solicitar que a dotación de medios fose maior.
“Lamentablemente, dous meses despois vén a confirmarse o que desde o BNG xa imaxinábamos polo xeito de actuar nesta cuestión. O Partido Popular e o seu deputado da Mariña, Daniel Vega e o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro utilizaron un tema tan sensible como a área de oncoloxía do Hospital para a súa gloria persoal e a propaganda barata do seu partido”, asegura a responsable comarcal Ana Ermida.
“Desde o BNG queremos saber que pasa con esa prometida praza e que se poña xa en funcionamento. Que deixen de xogar con un tema tan importante como a saúde da xente e que aposten claramente pola sanidade pública e polo Hospital da Costa”, afirma, “Se de verdade queren reforzar o servizo de oncoloxía, que tan necesario é, que o fagan; pero que o fagan efectivo e sen propaganda. O que precisamos na Mariña é un hospital con todos os medios para atender á xente. De anuncios sobre o hospital xa estamos fartas”, conclúen desde a formación nacionalista.