Cervo, 11 de marzo de 2017.- O Concello de Cervo ofrécese a acoller as probas de selectividade da Mariña, que a día de hoxe se desenvolven en Viveiro, e a asumir as condicións do convenio acordado no seu día entre os municipios e a comisión interuniversitaria.
Así o sinalou o rexedor Alfonso Villares quen “afeou a Viveiro a súa falta de rigor á hora de aportar en días pasados unhas cifras que poden conducir a equívoco, xa que Cervo non ten ningunha débeda contraída con este Concello porque, a día de hoxe, non recibimos ningún documento de liquidación de custos”.
De feito, recordou Villares, no pasado exercicio recibimos a comunicación por parte de Viveiro o 16 de febreiro, e dous días despois, o 18, realizamos a trasferencia pertinente a este Concello, abonando o que nos correspondía polo número de alumnos de Cervo que se desprazaron a realizar as probas, nese caso 886,32 euros”
O rexedor recorda que o procedemento foi consensuado entre os diferentes concellos e a comisión interuniversitaria. De xeito que “se acordou repartir entre todos os gastos derivados da selectividade, abonando unha cuota por estudante que se presente. A comisión interuniversitaria emite unha factura que lle fai chegar ao concello que é sede das probas, neste caso Viveiro, que tería que pasar a liquidación despois aos outros municipios; pero insisto en que a día de hoxe non o fixo”.
Villares sinalou que “non é a primeira vez que Viveiro lanza esta mensaxe, e non creo que sexa a fórmula idónea para facelo, porque sabe que hai outros mecanismos efectivos para saldar unha suposta débeda antes de expoñer así aos Concellos, sendo ademais como é, un servizo positivo para o alumnado de Viveiro e para todo o pobo”.
Se Viveiro non pode asumir este convenio, -insistiu- Cervo si que está interesado en acoller as probas e estamos en disposición de facernos cargo das condicións establecidas e consensuadas de anteman”.