Burela, 11 de abril de 2017. A ocupación hoteleira en Burela rolda o 100% para esta Semana Santa, segundo os datos que manexa a Concellería de Turismo. Hoxe deron comezo as Xeorutas e o barco museo Reina del Carmen está aberto ata o 16 de abril.
O concelleiro Ramiro Fernández Rey sinala que “desde a Concellería de Turismo estivemos en contacto cos hoteis de Burela e vemos que as perspectivas para esta Semana Santa, se o tempo acompaña e non hai ningún cambio, son excelentes. Estamos falando dunha ocupación dos hoteis que rolda o cen por cen”.
Para o responsable de Turismo “isto a verdade é que é un motivo de orgullo, de estar preparados para esta Semana Santa e traballar duro para que a xente que nos visita estea a gusto. Para conseguir isto puxemos en marcha as Xeorutas que empezaron hoxe. Imos facer un esforzo tamén no barco museo, e imos mantelo aberto todas estas datas festivas para poder acoller a todos os visitantes e ofrecerlles todos os nosos atractivos”.
As Xeorutas teñen lugar desde hoxe, 11 de abril, ata o venres, día 14. A saída desde a Oficina de Turismo, situada no porto de Burela, terá lugar ás 10:30 horas, agás o venres 14 que será ás 16:30 horas. O percorrido descorrerá pola zona do Perdouro o martes e o xoves, e pola Marosa o mércores e o venres. As inscricións deben facerse na Oficina de Medio Ambiente do Concello de Burela chamando aos seguintes números de teléfono 982 586 000 ou 982 580 867.
Este programa de rutas do Concello burelés rematará o sábado, día 15 de abril, cunha ruta polos montes de Burela. A distancia é de 7 quilómetros, ten unha dificultade media e actuará como guía Pedro Rolle. A saída será ás 17:00 horas da praza do Concello. As inscricións deberán facerse na Oficina de Medio Ambiente, o número de prazas está limitado a 30 e os participantes terán que ser maiores de 10 anos.
E o barco museo Reina del Carmen estará aberto ata o 16 de abril. As visitas realizaranse en varias quendas, serán en horario de 11, 12 e 13 horas polas mañás e de 17, 18 e 19 horas polas tardes.