26.05.2017. ABANCA vén de asinar un acordo de colaboración en materia financeira co Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal, no marco da súa estratexia de apoio ao sector pesqueiro en Galicia. O banco canalizará esta alianza a través de ABANCA Mar, a súa unidade de negocio especializada na cadea de valor do mar.
O director de zona de ABANCA na Mariña, Carlos Teijeiro Pita, e o presidente do GALP A Mariña-Ortegal, Basilio Otero Rodríguez, respectivamente, foron os encargados de rubricar o acordo financeiro, que reafirma o compromiso do banco co tecido produtivo de Galicia e, especificamente, con estes grupos que operan na franxa litoral da comunidade. O acto contou tamén coa asistencia do director de ABANCA Mar, Javier Fraga.
Esta alianza permite impulsar o desenvolvemento da pesca, marisqueo e acuicultura galegos y difundir entre estes colectivos as axudas europeas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), que xestiona a Xunta en colaboración con estes grupos sectoriais. ABANCA asinou nos últimos meses, co mesmo fin, acordos semellantes coa maioría dos GALP que operan na costa galega.
Oferta financeira adaptada
O protocolo asinado inclúe unha oferta financeira personalizada ao sector, orientada principalmente a facilitar o acceso ao crédito aos profesionais e beneficiarios das subvencións europeas. En circulante, oferta produtos como Credimar, un préstamo de ata cinco anos sen comisións; Anticipo Mar, para adiantar sen comisións o cobro de subvencións e impostos; ou Confir-Mar, para o financiamento de mareas, pagos de gasóleo, dereitos de pesca, etcétera. Para o financiamento de investimentos, ABANCA pon a disposición deste colectivo produtos vantaxosos como o Préstamo Campaña Mar ou o Leasing Pesqueiro. Do mesmo xeito, a entidade financeira deseñou para este segmento outros produtos a medida como a Hipoteca Naval ou os seguros de transportes de mercadorías, buques, acuícolas ou de bateas, entre outros.
O GALP A Mariña-Ortegal é unha asociación sen ánimo de lucro cunha zona de actuación que abrangue aos concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira e Valdoviño, na costa lucense e coruñesa.
Representa a medio cento de entidades locais, pertencentes aos sectores do mar (confrarías de pescadores, asociación de redeiras e asociacións e fundacións do sector do mar), do sector público (concellos), e entidades asociativas empresariais do territorio, entidades culturais, recreativas e sociais.
Esta alianza de ABANCA cos GALP súmase aos acordos que a entidade mantén con boa parte das confrarías de Galicia e as principais organizacións do sector no marco da súa estratexia de apoio ao sector primario. Precisamente a sinatura ten lugar en Expomar, unha das citas clave do calendario para o mundo do mar e que achega a un público especializado de profesionais da industria naval e a súa auxiliar, a industria transformadora de peixe e a súa auxiliar, a industria náutica e outras industrias anexas. A través de ABANCA Mar, o banco pon a disposición do sector un crecente catálogo de produtos, ademais da proximidade e experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados.