Ribadeo, 29 de maio de 2017. O Concello e a Mesa pola Normalización Lingüística fixeron entrega de libros sobre o mundo das aves, aos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón, á gardería, a Educando en Familia e tamén a varias ludotecas da localidade. O obxectivo é a promoción do libro e da lingua entre @s máis pequen@s.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, manifestou que “sempre é un pracer achegarse ata a casa do Concello para dar razón dunha nova cultural, pero nesta ocasión especialmente porque estamos a falar da edición dun libro dirixido aos máis cativos, aos nenos e nenas de preescolar e de infantil no que se recolle o mundo das aves”.
Farruco Graña subliñou que “esta é unha actividade que a raíz da publicación dun texto por parte da Mesa pola Normalización Lingüística, queremos difundir o mundo das aves, o mundo da nosa lingua, o mundo do amor pola natureza entre os nosos nenos e nenas e, por suposto, sempre tamén arredor das súas familias”.
O edil ribadense sinalou que “neste programa participan o colexio público Gregorio Sanz, o colexio Sagrado Corazón, a fundación Educando en Familia, a gardería infantil de Ribadeo, e varias ludotecas, que desde o ámbito do privado tamén cumpren unha función social moi importante”.
Farruco Graña salientou que “queremos promover o libro desde o berce mesmo, queremos promover a lingua desde o berce mesmo, e queremos promover o amor pola natureza desde o berce mesmo. Nese senso integramos esta actividade no programa Apego que xa estamos desenvolvendo ao longo de todo este ano, e que animamos a outros concellos da contorna a que se sumen porque é realmente un mundo marabilloso este de fomentar os valores da solidariedade e do respecto e amor pola natureza e pola propia lingua, e que redunda positivamente en todos os nenos e nenas e en todas as familias ás que pertencen”.
Montse Vivero, do Sagrado Corazón, dixo: “paréceme moi bonita esta iniciativa coa que os nenos e nenas se achegarán ao nome das aves, a moitas que nin eles coñecen nin os adultos tampouco. Xa foi moi positiva a outra entrega de libros co abecedario e este axudaraos a ir falando en galego. Creo que lles vai gustar moito”. Encarna Santos, da fundación Educando en Familia, subliñou que “o hábito de ler empeza ao nacer, de aí a importancia de achegar aos nenos á lectura e á nosa lingua”. Montse Viveiro, Encarna Santos e Rosalía Currás, do Gregorio Sanz, agradecéronlle ao Concello de Ribadeo esta iniciativa.