Lugo, 9 de maio 2017.O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde do Vicedo, José Jesús Novo Martínez, informou sobre os case 300.000 euros que o Goberno Provincial achegou aos 1.800 veciños deste municipio coa execución do Orzamento de 2016. Este presuposto destinouse principalmente ao reforzo dos servizos sociais e á mellora das prestacións públicas no rural, así como á xeración de emprego, dentro da aposta de Campos Conde por unha Deputación coas persoas, social e rural.
Campos Conde e Jesús Novo supervisaron obras de reconversión da antiga Casa do Mar nun centro de día para maiores. Trátase dunha dotación financiada practicamente na súa totalidade polo Goberno da Deputación con case 330.000 euros, que se distribúen en varias anualidades. O Concello do Vicedo achega o 5% do investimento.
O Presidente avanzou que este mesmo mes rematarán os traballos da reforma de dito inmoble, que ascenden a case 170.000 euros. O seguinte paso será a dotación e instalación do mobiliario para o que o Executivo Provincial ten reservada unha nova partida de 160.000 euros do orzamento de 2017.
O Presidente subliñou que “con este centro de día reforzamos os servizos sociais no Vicedo, pois con esta dotación pública poderemos ofrecer atención profesional a 20 maiores, cando, actualmente, lla ofrecemos a outros 45 maiores do Vicedo co Servizo a Domicilio para non dependentes e de Teleasistencia gratuíta, que non lles presta a Xunta de Galicia pero si o Goberno da Deputación con 25.000 euros”. Concretamente, son 34 os veciños do Vicedo aos que o Executivo Provincial lles financia o Servizo a Domicilio a non dependentes e 11 a Teleasistencia gratuíta.
Melloras de preto de 70.000 euros nas parroquias
Campos Conde e Novo Martínez comprobaron as melloras que se están executando na rede de saneamento e abastecemento de auga na rúa Dr. Llisterri, así como no firme da vía, financiadas con 48.259 euros polo Goberno da Deputación. Esta rúa conecta o centro do Vicedo coa parroquia de Negradas, na que viven 200 veciños. A rede de abastecemento de auga atopábase deteriorada e había continuas fugas, que provocaban fochancas na estrada. Logo de máis de tres semanas de traballo, os operarios concluirán nestes días o conxunta das actuacións.
Outra das melloras de prestacións públicas municipais acometidas no municipio polo Goberno da Deputación foi a dotación dun novo alumeado público na aldea de Randamil, financiado con 20.336 euros. Trátase dun núcleo no que vive unha ducia de veciños e no que só había dous puntos de luz. O Executivo Provincial levou con dito orzamento unha decena de iluminarias de baixo consumo.
Emprego: máis de 55.000 euros
Ademais dos investimentos anteriormente mencionados, o Goberno da Deputación destinou 41.845 euros á creación de postos de traballo directos e o reforzo dos servizos municipais, a través do DEPUEMPREGO. Trátase do plan dirixido aos municipios de menos de 20.000 habitantes mediante o cal o Executivo Provincial financia na súa totalidade os custos laborais de novos traballadores. No caso do Vicedo, dito investimento permitiu a contratación de 3 desempregados lucenses: 1 administrativo, que presta servizos no Concello; 1 peón de servizos múltiples, que está traballando no acondicionamento das beirarrúas do municipio; e 1 peón de mantemento de zonas naturais, que se ocupa do mantemento da zonas axardinadas e da limpeza da maleza nos puntos de interese turístico, como o miradoiro de San Román.
Así mesmo, o Goberno da Deputación investiu no Vicedo outros 13.300 euros para favorecer a actividade dos profesionais do sector primario, pois este investimento destinouse á mellora de embarcacións de pesca de baixura e de invernadoiros.
Máis colaboracións
Son case 300.000 euros os que o Goberno da Deputación levou aos veciños do Vicedo a través do Orzamento de 2016, pois, a maiores das actuacións citadas, o Executivo Provincial colaborou co financiamento de melloras en instalacións culturais e deportivas, así como na organización de actividade no eido cultural e deportivo, que contribuíron a celebración de concertos e competicións.