Ribadeo, 12 de maio de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, confirmou que o responsable do hotel situado na Illa Pancha está obrigado a pechar esa instalación “ao non cumprir con todas as esixencias para poder desenvolver a normal actividade”. O rexedor asegurou que se trata de deficiencias técnicas, que teñen solución.
O rexedor explicou que “a raíz dunha pregunta planteada no día de onte, no pleno do Concello, polos grupos da oposición onde se nos pedía información si había novidades sobre a concesión ou sobre a actividade no hotel da Illa Pancha, expliqueilles que se procedera á suspensión da eficacia da comunicación previa para o exercicio desa actividade. Isto implica que o interesado está obrigado a pechar ao non cumprir, segundo os técnicos municipais, todas as esixencias para poder desenvolver a normal actividade”.
Suárez Barcia contou que “estas son deficiencias técnicas, ao noso xuízo que teñen solución e iso entra dentro da responsabilidade do empresario de resolvelas. Son cuestións relativas ao subministro de auga potable, ao saneamento e tamén á accesibilidade á propia illa”.
O alcalde referiuse tamén “á perplexidade que nos produce o clamoroso silencio do ente público responsable desta concesión administrativa. Isto é a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, un organismo que depende do Ministerio de Fomento, que logo de dous meses e de dúas peticións formais de información por parte deste Concello aínda non nos dixo se o proceso de concesión está ben dado ou non, tal e como sinalou o Defensor del Pueblo cun argumentario demoledor contra ese proceso levado adiante por esa Autoridade Portuaria”.