Burela, 7 de xuño de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, visitou xunto ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, as instalacións da nova escola infantil de Burela. En breve se dotará ao edificio de mobiliario. O Concello procederá a axardinar a zona e o Consorcio encargarase de colocar os xogos para @s nen@s. O obxectivo é que todo estea listo o 31 de xullo e que a gardería abra as súas portas en setembro.
O rexedor explicou que “tivemos a oportunidade e o pracer de recibir a visita do xerente do Consorcio da Igualdade e do Benestar e estivemos vendo todo o relativo á escola infantil que se vai abrir no mes de setembro. Estivemos inspeccionando e valorando todo o que se leva feito e o que queda por facer. Veu acompañado de técnicos do Consorcio e comigo foi unha técnica do Concello para contrastar opinións e buscar sempre a mellor solución para todo”.
Alfredo Llano contou que “ímonos encargar inmediatamente da limpeza, porque vaise facer a dotación do mobiliario para os dous pisos na segunda quincena deste mes. Desde o Concello tamén quedamos en facernos cargo de axardinar aquela zona, onde van estar os nenos. E dos aparellos de xogos ocuparase o Consorcio, que tamén os vai traer enseguida. Tamén se van encargar eles da parede que está enfronte da fachada principal, obra coa que se poñerán inmediatamente, calculamos que para a semana que vén. Ademais vanse facer cargo loxicamente da rampla adaptada para persoas con discapacidade. Nós xa demos os pasos necesarios para ter luz e alarma; agora vamos dalos para dotala de teléfono”.
O alcalde burelés engadiu: “e vamos ver se sincronizamos todos os movementos e as responsabilidades de cada un para que o 31 de xullo estea xa incluso inspeccionado e listo este local para abrir en setembro”.
Llano indicou que “esta nova escola infantil vai estar preparada para atender a 41 alumnos: hai oito prazas para os nenos e nenas de 0 a 1 anos, trece prazas para de 1 a 2 anos e vinte prazas para de 2 a 3 anos. Soamente quedan prazas agora mesmo para a etapa de 0 a 1 anos, concretamente catro, pero hai que ter en conta que para cada un dos tramos de idades hai que gardar unha praza polo menos ata setembro por se houbera algunha emerxencia social. Polo tanto practicamente está todo cuberto”.
O rexedor dixo: “calculamos que xa estea todo completamente preparado para que empece a funcionar cara ao día 12 de setembro aproximadamente, porque nas novas escolas infantís o curso non comeza o 1 de setembro, pois sempre hai uns días de adaptación previos”.