Mondoñedo, 7 de xuño de 2017. Ao portavoz do BNG, Eloi Cabanas, resúltalle “paradoxo” que o goberno promova o acondicionamento dun novo aparcadoiro no entorno da Igrexa Nova coa conseguinte compra de terreos a particulares con diñeiro público, xunto coa petición a outros organismos da cesión de terreos para dar acceso ao citado espazo, e non faga ningún esforzo para poñer en valor o aparcadoiro de detrás da Alcántara e que se encontra situado a escasos cinco minutos da Praza do Concello.
O voceiro nacionalista, lembrou que o Grupo Municipal do BNG xa leva solicitado dúas veces en pleno a posta en valor deste aparcadoiro dado que considera que está mal sinalizado ao mesmo tempo que presenta un deficiente estado de limpeza do entorno. “Os rogos foron aceptados pero de momento a situación segue igual, temos un aparcadoiro ben situado e totalmente operativo, onde non vai aparcar ninguén”.
-ESTADO DE ABANDONO DOS ESPAZOS PÚBLICOS DA CIDADE-
En relación a situación de estado de abandono que presentan os espazos públicos da cidade, para o BNG, “esta situación non pode ser un tema menor para o goberno deste concello”, a situación de abandono que presentan as vías, as prazas e os parques e xardíns, “demostra que a limpeza non é o forte do Goberno de Elena Candia nestes dous anos de goberno” xa que, “non é capaz de manter con medios propios nin alleos unha imaxe óptima da cidade”.
Eloi Cabanas entende que “de nada serve facer inversións importantes con diñeiro público cando estas melloras apenas se notan pola cantidade de maleza acumulada nas rúas e zonas verdes da cidade”.
-PLAN DE CHOQUE-
A punto de empezar a temporada estival, o BNG mindoniense pídelle ao Goberno Municipal que elabore de inmediato un Plan de Choque co obxectivo de evitar un maior deterioro dos espazos públicos e mellorar así a imaxe que presenta a cidade de Mondoñedo a veciños, visitantes e turistas.
“Sabemos que neste tempo medra moito a maleza pero ao paso que van non rematan ata as San Lucas”.
O Grupo Nacionalista conclúe demandándolle ao goberno popular unha maior axilidade na reposición do mobiliario dos parques infantís do Seminario e da Alameda dos Remedios, e que tape as arquetas e buratos que quedaron abertos despois da celebración das Quendas, xa que “son un perigo para os nenos e nenas que xogan na alameda”.