Lugo, 8 de xuño de 2017.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentaron hoxe aos profesionais do turismo da provincia de Lugo a Estratexia do Turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego para os vindeiros catro anos.
Como explicou Nava Castro, a estratexia ten como obxectivo que o turismo en Galicia medre e que o faga da man da calidade e sustentabilidade. Porque se o ano pasado a Comunidade galega recibiu preto de 5 millóns de visitantes, a meta está en seguir batendo récords ata alcanzar os 6 millóns de turistas e que un tercio deles procedan do mercado internacional.
Ante a presenza de numerosos empresarios do turismo da provincia de Lugo, durante o acto tamén se afondou na aposta da Administración por traballar conxuntamente da man do sector e axudar a mellorar a súa rendibilidade, con prezos máis competitivos e incrementando tamén a ocupación media hoteleira.
Impulso do uso turístico da paisaxe
“Falamos de obxectivos ambiciosos, pero tamén alcanzables e que conseguiremos a través das 11 liñas estratéxicas nas que se divide o plan, que conta cun investimento global a 4 anos de máis de 240 millóns de euros”, indicou Nava Castro.
Tamén se incidiu na aposta da estratexia por un modelo de turismo tranquilo, sustentable, competitivo e diferenciado no ámbito global e adaptado aos cambios do mercado, recordando que un dos eixos desta estratexia pasa por impulsar o uso turístico da paisaxe, desenvolvendo iniciativas ao redor de ecoturismo, entre outras.
O acto contou coa presenza de profesionais do sector da gastronomía e hostalería da zona, que debateron sobre enogastronomía, emprendemento turístico, cascos históricos e gastronomía, entre outros asuntos.
A presentación da Estratexia do Turismo de Galicia 2020 en Lugo responde ao obxectivo de Turismo de Galicia por achegar esta nova folla de ruta a todo o sector con presentacións sectoriais nas diferentes provincias galegas, tras a presentación oficial en Santiago o pasado mes de maio.